CCOO anuncia tamén accións xurídicas contra a resolución da Xunta sobre as incapacidades temporais

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) anuncia que emprenderá accións xurídicas contra a resolución do 20 de maio de 2026 da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se modifica o protocolo común para a xestión clínica e o seguimento da incapacidade temporal (IT). A organización sindical coida que esta norma supón un cambio de modelo que reforza o papel das mutuas no control das baixas médicas, reduce as garantías de tutela pública e sitúa os intereses económicos por diante dos criterios estritamente clínicos.
O secretario de Saúde Laboral, Armando Iglesias, reclama a retirada inmediata da resolución e sostén que a Xunta presenta a modificación como unha medida para axilizar a xestión da incapacidade temporal cando, ao seu xuízo, o seu «efecto real» será ampliar as funcións das mutuas privadas no seguimento dos procesos de baixa e «debilitar o papel do sistema público de saúde».
O sindicalista considera que un dos cambios máis lesivos da nova instrución é a implantación dunha autorización única que permitirá ás mutuas coordinar, solicitar e executar todas as probas diagnósticas e tratamentos relacionados cun proceso de incapacidade temporal. Segundo explica, esta modificación elimina o sistema de autorización individualizada, reduce o control exercido pola sanidade pública e deixa a evolución da baixa en mans de entidades privadas con intereses económicos.
CCOO tamén alerta de que a resolución reforza o peso das propostas formuladas polas mutuas e condiciona a capacidade de decisión do persoal facultativo de Atención Primaria. Esta orientación «pode favorecer altas médicas prematuras e antepoñer a rápida reincorporación ao traballo á recuperación completa das persoas doentes», advirte Iglesias.
Outro dos aspectos que preocupa ao sindicato é o tratamento da información clínica. A resolución prevé que os resultados das probas realizadas polas mutuas se incorporen á historia clínica electrónica, unha medida que, segundo CCOO, «amplía o acceso de entidades privadas a datos especialmente sensibles» e obriga a «extremar as garantías de confidencialidade e protección da información sanitariaÏ.
Finalmente, CCOO critica que a Xunta opte por ampliar o papel das mutuas en lugar de reforzar a sanidade pública con máis recursos humanos e materiais que permitan reducir as listaxe de espera e mellorar a atención ás persoas traballadoras en situación de incapacidade temporal.
Por todo isto, desde o sindicato reclámase a «paralización inmediata» da resolución e a apertura dun proceso de diálogo que permita abordar a xestión da incapacidade temporal desde a defensa do sistema público de saúde e dos dereitos das persoas traballadoras. Sexa como for, xa está traballando cos seus servizos xurídicos para impulsar «todas as accións necesarias» para frear a aplicación desta resolución e garantir a protección dos dereitos das persoas traballadoras.