CCOO e UGT critican que Medio Rural volva encomendar a SEAGA a extinción de incendios forestais

CCOO amosa a súa rotunda oposición ao anuncio da Consellería do Medio Rural de volver encomendar a SEAGA unha parte esencial do dispositivo de reforzo contra os incendios forestais, en lugar de apostar polo reforzo directo do servizo público e pola creación de emprego estable na Administración.
Segundo a proposta coñecida onte, o operativo previsto para 2026 estaría composto por 42 brigadas de prevención e defensa contra incendios forestais, cun total de 181 bombeiros/as, durante un período de 90 días, baixo o mando único previsto no PLADIGA. O documento indica, ademais, que se está a tramitar unha encarga para que sexa SEAGA a que asuma este reforzo, así como que as contratacións se fagan inicialmente mediante contrato por circunstancias da produción.
Para CCOO, esta decisión volve incidir nun modelo que "externaliza e precariza funcións estruturais e permanentes do dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais (SPIF)". A organización sindical considera inaceptable que necesidades "que a propia Administración recoñece como recorrentes" se sigan cubrindo con fórmulas temporais e a través dunha empresa pública, en vez de integralas no cadro de persoal da Xunta con emprego público, dereitos plenos e garantías de continuidade.
O sindicato subliña que o propio documento admite que, "se esta necesidade se mantén no tempo, habería que modificar o cadro de persoal descontinuo e crear os postos necesarios. Por iso, denuncian que a Consellería chega tarde, improvisa unha vez máis e insiste nunha solución provisional para cubrir carencias estruturais que se repiten campaña tras campaña".
CCOO advirte tamén de que o reforzo se formula cunha duración limitada a 90 días e con contratación temporal, "malia que a realidade dos lumes forestais en Galicia esixe planificación, estabilidade e medios humanos suficientes ao longo de todo o ano. Ao seu xuízo, a loita contra os incendios non pode depender de respostas parciais nin de parches estacionais, senón dunha política pública seria, estruturada e sostida no tempo".
Tamén critican que a Xunta continúe derivando a SEAGA labores centrais do operativo, "co que consolida un sistema paralelo que debilita o servizo público forestal". A este respecto, lembran que a prevención e a extinción de incendios son tarefas estratéxicas que deben estar sustentadas "por persoal público suficiente, profesionalizado e con condicións laborais dignas".
CCOO esíxelle á Consellería do Medio Rural unha rectificación inmediata sobre esta decisión e unha negociación real sobre o modelo de dispositivo antiincendios. En particular, reclaman a cobertura estrutural das necesidades do servizo mediante emprego público, o reforzo do persoal propio e o abandono das fórmulas temporais e extraordinarias para atender funcións que son claramente permanentes.
Así mesmo, instan a Xunta de Galicia a explicar por que segue recorrendo a encomendas a SEAGA para cubrir déficits de persoal que a propia documentación oficial recoñece, e a aclarar se ten vontade real de consolidar estes postos no sistema público, tal e como se desprende do propio texto achegado.
UGT demanda que o servizo sexa público na súa totalidade
UGT Servizos Públicos manifestou tamén o seu malestar e o rexeitamento a esta volta atrás "coas encomendas que hai poucos anos se integraron no dispositivo público·. Para o Sindicato, a Xunta debe apostar polo reforzo directo deste servizo público coa conseguinte creación de emprego reforzando os cadros de persoal.
Explican que a información transmitida é que o operativo para o 2026 desta encomenda estaría conformado por 42 brigadas de prevención e defensa contra incendios, con 181 bombeiros, para 90 días. A previsión, ademais, segundo a información que se fai chegar, é que sexa SEAGA que asuma este reforzo e que as contratacións se realicen mediante contrato por circunstancias da produción.
UGT rexeita este modelo "que conduce á externalización dun servizo público esencial e que se encubra como circunstancias da produción o que en realidade son necesidades permanentes e estruturais, consolidadas polo tanto ano tras ano". UGT Servizos Públicos incide en rexeitar fórmulas temporais e que as contratacións non se fagan a integren directamente como cadro de persoal da Xunta.
"Non se poden cubrir necesidades estruturais con contratacións provisionais. Urxe que estes efectivos formen parte dun cadro de persoal propio da Xunta. Este xeito de actuar denota a carencia dunha política pública estable e sostible no tempo que recoñeza dunha vez por todas que o problema dos lumes forestais é algo estrutural co que hai que loitar ao longo de todo o ano con cadros de persoal estables", explican.
Por todo isto, dende UGT ínstase tamén á Xunta a que revise esta decisión é aborde o problema da loita contra os incendios "con reforzos de persoal como unha política de seria de país e non dun xeito cortoplacista e con parches como o está a facer".