CCOO demanda apoio ao Concello de Vilanova de Arouse para reclamar unha nova ambulancia

O delegado de persoal de Ambulancias Pontevedra e representante de CCOO, Ramón Salvado Rey, presentou ante a Alcaldía de Vilanova de Arousa unha solicitude formal de apoio institucional para que a Xunta de Galicia incorpore unha nova ambulancia asistencial de soporte vital básico (SVB) ao futuro contrato de transporte sanitario terrestre, con base permanente neste concello e operativa durante 12 horas diarias os 365 días do ano.
A petición realízase coincidindo coa próxima licitación do servizo de transporte sanitario terrestre por parte da Xunta de Galicia, unha oportunidade que, segundo CCOO, debe servir para adaptar os recursos asistenciais ás necesidades reais da poboación e mellorar a capacidade de resposta ante as emerxencias sanitarias.
Na actualidade, os concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Catoira, cunha poboación conxunta próxima aos 50 000 habitantes, dependen dunha única ambulancia de soporte vital básico operativa as 24 horas do día e dunha UVI móbil para toda a comarca do Salnés. Esta situación agrávase durante os meses de verán, cando a base operativa da UVI móbil se traslada ao concello de Sanxenxo para atender o incremento estacional da poboación, co que aumentan as distancias de cobertura e se condicionan os tempos de resposta ás emerxencias que se producen na zona norte da comarca.
Ademais, desde CCOO sinalan que a ambulancia asistencial con base en Cambados debe atender con frecuencia servizos no concello de Meis e realizar traslados ao Hospital Montecelo de Pontevedra, permanecendo durante longos períodos fóra da comarca. Esta circunstancia reduce a dispoñibilidade efectiva dos recursos sanitarios do Salnés e obriga con frecuencia a mobilizar ambulancias procedentes doutras áreas sanitarias para garantir a atención ás urxencias.
Segundo explica Ramón Salvado Rey, «a realidade asistencial da comarca evidencia a necesidade de reforzar os medios dispoñibles para garantir unha atención sanitaria urxente rápida, eficaz e de proximidade. A creación dunha nova ambulancia con base en Vilanova de Arousa permitiría mellorar os tempos de resposta, incrementar a cobertura asistencial e ofrecer unha maior seguridade á cidadanía».
CCOO considera que Vilanova de Arousa reúne condicións estratéxicas para albergar este novo recurso sanitario debido á súa localización xeográfica, ao incremento de poboación que experimenta durante boa parte do ano e á necesidade de reforzar a cobertura urxente tanto do propio municipio como dos concellos limítrofes de Vilagarcía de Arousa, a Illa de Arousa, Cambados e toda a Comarca do Salnés.
Por este motivo, o sindicato solicita ao Concello de Vilanova de Arousa que apoie formalmente esta demanda e a traslade á Consellería de Sanidade, ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, co obxectivo de que sexa incorporada ao novo concurso público de transporte sanitario terrestre.
CCOO entende que esta medida suporía unha mellora substancial da asistencia sanitaria urxente na comarca do Salnés e contribuiría a garantir unha atención máis accesible, equitativa e eficiente para toda a veciñanza.