CCOO denuncia condicións “infrahumanas” do persoal do SERGAS en Ourense durante as vagas de calor

O sindicato alerta de temperaturas superiores aos 30ºC en centros de saúde e hospitais e critica a falta de climatización e de medidas preventivas na área sanitaria
termometros-area-sanitria-de-ourense
23 Jun 2026

A Sección Sindical de Sanidade de Comisións Obreiras en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras denunciou as condicións de traballo que asegura que sofre o persoal do SERGAS durante as vagas de calor, cualificándoas de “condicións infrahumanas”.

Segundo explica o sindicato, en xullo de 2025 presentouse unha denuncia ante a Inspección de Traballo contra o SERGAS da Área Sanitaria de Ourense polas condicións de estrés térmico ás que está exposto o persoal, tanto na maioría dos centros de saúde, que estarían sen climatización, como en zonas asistenciais do Complexo Hospitalario de Ourense, que tampouco disporían de sistemas adecuados.

CCOO lembra que a normativa estatal obriga ás empresas a adaptar as condicións de traballo cando se activan avisos meteorolóxicos adversos por altas temperaturas de nivel laranxa ou vermello emitidos pola AEMET, co obxectivo de garantir a protección dos traballadores e traballadoras.

O sindicato tamén cita un estudo do ISTAS sobre estrés térmico no traballo, no que se recollen medidas de prevención como a climatización e ventilación adecuadas, a redución das cargas físicas, o aumento das pausas de descanso e hidratación e a adaptación da vestimenta laboral.

Segundo a organización sindical, a Dirección da Área Sanitaria non podería alegar falta de preparación ante a vaga de calor actual, xa que afirma que as delegadas de prevención de CCOO xa advertiron nos últimos anos desta problemática nos comités de seguridade e saúde, chegando mesmo a presentar denuncia ante a Inspección de Traballo, que requiriu ao SERGAS a adopción de medidas preventivas.

CCOO asegura que a situación continúa sen resolverse e sinala que a maioría dos centros de saúde da Área Sanitaria de Ourense non contan con climatización, ao igual que as unidades de hospitalización do Edificio Cristal, as consultas do Hospital Santa María Nai e o Hospital de Piñor.

Segundo a denuncia, esta situación estaría a provocar temperaturas superiores aos 30ºC nas zonas de traballo, con síntomas como mareos, dores de cabeza e malestar xeral tanto no persoal como nas persoas usuarias.

O sindicato critica tamén que a información da Consellería de Sanidade sobre investimentos para paliar o calor non se correspondería coa realidade diaria dos profesionais e usuarios da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Finalmente, CCOO acusa a xerencia da área sanitaria de manter unha actitude de “desprezo” cara ás delegadas de prevención e de inacción fronte ás condicións climáticas extremas, e reclama solucións inmediatas para evitar posibles accidentes laborais ou enfermidades profesionais derivados do estrés térmico.

0.32115697860718