CCOO denuncia unha campaña de criminalización das baixas laborais por parte da patronal e a Xunta

O sindicato acusa a empresarios e Goberno galego de ocultar as causas reais do absentismo, como a precariedade ou a crise sanitaria.
Absentismo
16 Apr 2026

CCOO de Galicia denunciou a existencia dunha campaña “sen precedentes” de criminalización da clase traballadora por parte da patronal e da Xunta de Galicia a raíz do debate sobre o absentismo laboral.

O sindicato considera que esta ofensiva busca responsabilizar ás persoas traballadoras dun problema estrutural que, segundo sinalan, ten a súa orixe na precariedade laboral, nas condicións de traballo e no colapso do sistema sanitario.

Segundo datos recollidos por Randstad Research, Galicia pechou o ano 2025 cunha taxa de absentismo do 8,6 %, por riba da media estatal, situada no 7,1 %. No caso das baixas por incapacidade temporal, a comunidade alcanza o 6,8 %, tamén superior á media estatal e cun elevado número de procesos de longa duración.

Desde CCOO advirten de que estes datos deben contextualizarse e critican que a campaña institucional “mestura conceptos” e simplifica a realidade ao atribuír o absentismo exclusivamente ás persoas traballadoras.

O sindicato denuncia que se está a ignorar a situación do sistema sanitario galego, con listas de espera elevadas e falta de profesionais na atención primaria, o que retrasa diagnósticos e tratamentos e prolonga os períodos de baixa.

Condicións laborais e saúde

CCOO sinala que factores como a intensificación dos ritmos de traballo, a idade media do persoal, a inestabilidade laboral ou a falta de dereitos tamén inflúen no aumento das baixas. Neste sentido, critica que nin a patronal nin a Xunta poñan o foco na prevención de riscos laborais.

A organización alerta de que moitas pequenas e medianas empresas carecen de avaliacións de riscos psicosociais e ergonómicos, mentres que o estrés, a presión laboral ou a dispoñibilidade permanente están a provocar problemas de saúde mental entre o persoal.

Críticas ao sector da construción e ás mutuas

O sindicato tamén respondeu ás declaracións da Federación Galega da Construción, que vinculan o absentismo coa falta de vivenda, cualificando esta postura de “cínica e insultante”.

Segundo CCOO, os datos do sector reflicten as duras condicións laborais, con exposición a cargas físicas, posturas forzadas ou condicións ambientais adversas, e non unha falta de compromiso das persoas traballadoras.

Ademais, denuncian o papel das mutuas de accidentes de traballo, ás que atribúen un “conflito de intereses” ao xestionar as baixas mentres dependen economicamente das empresas, alertando de posibles presións para reducir a duración das incapacidades.

Reivindicacións

CCOO esixe o fin da campaña de culpabilización das persoas traballadoras e reclama medidas como o reforzo da atención primaria, a redución das listas de espera, un maior investimento en prevención de riscos laborais e un control do funcionamento das mutuas.

Así mesmo, demanda un diálogo social real que aborde as causas estruturais do absentismo e non sirva, segundo sinalan, para xustificar recortes de dereitos.

O sindicato conclúe que “as baixas médicas son un dereito, non un privilexio” e advirte de que defenderá o dereito á saúde laboral fronte a calquera intento de recorte.

0.46611404418945