CCOO destaca o incremento de recursos no ensino público malia a perda de alumnado

CCOO-Ensino puxo hoxe en valor os avances logrados na educación pública galega a través da negociación colectiva, nun inicio de curso marcado por unha nova caída demográfica. Galicia contará este curso con 298 436 estudantes de Infantil, Bacharelato e Educación Especial, 4617 menos que no anterior. Porén, haberá 183 postos docentes estruturais máis e 18 unidades educativas máis, rompendo a tendencia ao recorte emprego e peche de aulas de anos anteriores. O sindicato reclama que esta mellora de recursos se consolide e chegue efectivamente aos centros, ao tempo que esixe abrir vías de negociación no ensino concertado, no persoal de apoio educativo e nos servizos socioeducativos.
Nunha conferencia de prensa convocada para este efecto, a secretaria xeral de CCOO-Ensino, Noelia Sánchez Vaamonde, destacou que os datos demostran a «eficacia dos acordos alcanzados» nos últimos anos. «A baixada de alumnado non pode implicar menos recursos, senón aproveitar mellor os recursos e implantar os recursos alí onde sexan máis necesarios», sinalou. Sánchez advertiu, ademais, de que «isto non é un punto de chegada, senón que máis ben é un punto de partida» e subliñou que o sindicato estará «vixiante» para que se cumpra o asinado.
A evolución do ensino público contrasta coa situación anterior ao Acordo de medidas de mellora de 2023. Entre os cursos 2021/22 e 2023/24 elimináronse 239 unidades e 334 postos de traballo, mentres que desde a entrada en vigor do acordo, entre 2024/25 e 2026/27, o balance é de 21 unidades e 206 postos estruturais máis. Só neste curso creáronse 18 unidades e 183 postos, como se indicou.
«Hai dúas formas de enfrontarse ao descenso demográfico: recortando, que era o modelo anterior, ou apostando polo mantemento do emprego, polo mantemento das aulas e da atención á diversidade», explicou o secretario de Acción Sindical de Pública, Borja Campos Seijo. CCOO-Ensino salienta tamén que as adxudicacións provisionais do concurso de adxudicación de destinos provisionais (CADP) do corpo de mestres alcanzan neste curso as 2588, a cifra máis alta dos últimos cinco anos e 239 máis que en 2022.
Máis recursos para a atención á diversidade
O sindicato destaca especialmente o reforzamento da atención á diversidade. O cadro de persoal incorpora 132 postos estruturais máis de Pedagoxía Terapéutica e 57 de Audición e Linguaxe, mentres que as adxudicacións provisionais alcanzan as 431 e 389, respectivamente. Tamén se reforza a orientación educativa, con 54 docentes máis nos centros galegos. CCOO-Ensino considera que estes avances deben traducirse nunha mellor atención ao alumnado, pero segue a reclamar máis recursos.
Outro dos cambios relevantes deste curso é a aplicación das 18 sesións lectivas en Secundaria, Bacharelato e FP, tras a redución a 23 horas en Infantil e Primaria aplicada desde o curso 2024/25. O sindicato salienta que a redución da carga lectiva debe permitir dedicar máis tempo a tarefas de titoría, coordinación, atención ao alumnado, desdobramentos e codocencia, e anuncia que velará pola correcta aplicación.
Canto ao persoal de apoio educativo, o sindicato denuncia un inicio de curso marcado pola falta de planificación e polos atrasos nos procesos de persoal. María Burke Gerpe, secretaria de Acción Sindical de Persoal de Servizos Educativos e Complementarios (PSEC), advertiu de que os nomeamentos realizados en agosto e setembro poden provocar cesamentos e incorporacións co curso xa iniciado, co risco de que algún centro quede temporalmente sen o persoal necesario.
CCOO reclama que ningún alumno quede sen persoal coidador desde o primeiro día e que se cubran as baixas por incapacidade temporal. Ao mesmo tempo, reclama a actualización das funcións e ratios deste persoal, que permanecen vinculadas a unhas condicións reguladas desde 1991. O sindicato salienta que o vindeiro 21 de outubro está prevista unha mesa específica do persoal de apoio educativo para abordar estas cuestións. «Non se pode normalizar o inicio do curso sen todo o persoal necesario», reprochou a sindicalista.
O ensino concertado comeza o curso en folga
No ensino concertado, CCOO-Ensino cualifica de «insostible» a situación derivada de 16 anos de bloqueo do acordo de homologación salarial. O sector inicia mañá, 9 de setembro, unha folga parcial de 9:00 a 12:00 horas, con concentracións ás 10:00 diante das delegacións territoriais da Consellaría de Educación. A secretaria de Acción Sindical de Privada, Tania Alonso Soto, reclamou a convocatoria inmediata da mesa tripartita, así como o cumprimento dos acordos xa alcanzados. «Non queremos información, queremos negociación», afirmou, en referencia á negativa da Administración a convocar este órgano, no que participan administración, sindicatos e patronais.
CCOO-Ensino denuncia tamén a diferenza de carga lectiva entre os dous modelos: mentres o profesorado de Secundaria do ensino público pasa a 18 sesións lectivas, no concertado mantéñense ata 25 horas. O sindicato considera, ademais, abusivos e desproporcionados os servizos mínimos establecidos pola Xunta.
Por último, Alonso reclámalle á Xunta que asuma a súa responsabilidade sobre as condicións laborais nos servizos socioeducativos que financia mediante concertos, subvencións ou licitacións. «Se existe financiamento público, ten que existir responsabilidade pública», resumiu.
Noelia Sánchez pechou a comparecencia reivindicando «a calidade da educación pública e os dereitos das persoas que a fan posible» e insistindo en que CCOO continuará combinando negociación e mobilización para avanzar na mellora do sistema educativo. «Investir en educación non é gastar máis, senón que é crear o modelo de sociedade que queremos construír», concluíu.