CCOO e UGT convocarán unha folga xeral este outono para reclamar salarios dignos e unha vivenda accesible

Os sindicatos pretenden agora sumar as reivindicacións laborais ás mobilizacións impulsadas por organizacións de inquilinos e asociacións veciñais
acampada-obradoiro-pola-vivenda
6 Oct 2026

CCOO e UGT acordaron convocar unha folga xeral de 24 horas este outono para reclamar melloras salariais e defender o dereito a unha vivenda digna e accesible. A mobilización, que deberá ser ratificada polos máximos órganos de dirección de ambas as organizacións, contará en Galicia co apoio e a implicación do Sindicato Nacional de CCOO, que prepara unha campaña de información e mobilización no conxunto do territorio.

A convocatoria prodúcese despois de que o Congreso dos Deputados rexeitase a pasada semana varios reais decretos lei relacionados coa vivenda. Os sindicatos pretenden agora sumar as reivindicacións laborais ás mobilizacións impulsadas por organizacións de inquilinos e asociacións veciñais. A data concreta da xornada de paro será acordada con estas plataformas e co Sindicato de Inquilinas.

As centrais consideran que o acceso á vivenda e a capacidade dos salarios para facer fronte ao seu custo forman parte dun mesmo problema. Por iso, a protesta buscará reclamar retribucións suficientes para afrontar o encarecemento da vida e, ao mesmo tempo, medidas que permitan reducir o esforzo económico que supón acceder a unha vivenda, tanto en alugueiro como en propiedade.

En Galicia, CCOO sitúa esta cuestión entre as principais preocupacións da clase traballadora. O sindicato advirte de que o aumento dos prezos da vivenda está dificultando especialmente a emancipación da mocidade e o acceso a unhas condicións residenciais asumibles para as persoas migrantes. A organización tamén reclama á Xunta que exerza as súas competencias e adopte medidas ante unha situación que cualifica de insostible.

A central sindical vincula a perda de poder adquisitivo co incremento dos prezos da enerxía, dos carburantes e doutros bens básicos. Neste contexto, considera necesario combinar medidas públicas destinadas a aliviar os gastos dos fogares con avances na negociación colectiva que permitan repartir entre as persoas traballadoras unha maior parte da riqueza xerada nas empresas.

No ámbito salarial, CCOO e UGT encadran a mobilización nas súas propostas para o VI Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva, no que defenden incrementos retributivos de entre o 4 e o 7 por cento, acompañados de cláusulas de revisión. Tamén reclaman un pacto social pola vivenda, a limitación dos prezos dos alugueiros, a creación dun parque público de vivenda protexida de carácter permanente e a aplicación efectiva da Lei polo Dereito á Vivenda en todos os territorios.

A mobilización terá ademais en Galicia unha vertente relacionada coa defensa dos dereitos das persoas traballadoras en situación de incapacidade temporal. CCOO quere situar no debate a protección da saúde laboral ante as propostas que, ao seu xuízo, presentan as baixas médicas como un problema de absentismo.

O sindicato expresa neste sentido a súa preocupación polas propostas formuladas polo presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, para ampliar as competencias das mutuas na xestión das baixas e permitirlles participar na emisión de altas médicas en determinadas patoloxías. CCOO tamén cuestiona a idea de incentivar as empresas que rexistren menos incapacidades temporais.

A organización sindical defende que as decisións relativas ás baixas e altas médicas deben basearse exclusivamente en criterios sanitarios e non en necesidades empresariais ou de produtividade. Advirte ademais de que reducir a duración das incapacidades non significa necesariamente que existan mellores condicións de traballo e pode estar relacionado con presións para que as persoas regresen ao seu posto antes de estar completamente recuperadas.

Con esta folga, CCOO e UGT pretenden mobilizar á clase traballadora arredor das reivindicacións salariais, do acceso á vivenda e da defensa dos dereitos sociais e laborais. En Galicia, CCOO comprometeuse a traballar para garantir o seguimento da protesta e desenvolverá nos próximos días accións informativas e mobilizadoras en diferentes puntos do territorio.

0.2982189655304