CCOO e CIG esixen a retirada dunha campaña do Colexio de Médicos de Pontevedra por ser ofensiva coa Enfermaría

Segundo denuncia o sindicato, a campaña equipara a expresión: «Díxomo a miña enfermeira» con informacións sen rigor
denuncia-ccoo-enfermeras
15 May 2026

A Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de CCOO de Galicia manifesta hoxe a súa «máis rotunda indignación» ante a campaña publicitaria impulsada polo Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra. Consideramos que esta iniciativa «desprestixia e menospreza gravemente o labor profesional da Enfermaría».

Segundo denuncia o sindicato, a campaña equipara a expresión: «Díxomo a miña enfermeira» con informacións sen rigor difundidas por internet, redes sociais ou mensaxes de WhatsApp, todo baixo o lema «Confía na ciencia». Para CCOO, esta comparación é «totalmente inadmisible» e constitúe un «ataque directo á dignidade e ao prestixio profesional das enfermeiras e enfermeiros».

"Queremos lembrar que a Enfermaría é unha disciplina científica sólida, sustentada na evidencia, cunha formación universitaria especializada e un papel absolutamente esencial na atención sanitaria pública. As profesionais da enfermaría non emiten opinións ao azar; desenvolven unha práctica clínica baseada no rigor académico, na investigación e na experiencia asistencial», subliñan desde a federación.

CCOO considera ademais que esta campaña «rompe o necesario respecto» entre as profesións sanitarias e contribúe a «deteriorar a confianza da cidadanía» nun colectivo fundamental para a nosa saúde.

CIG-SAÚDE

CIG-Saúde vén de remitir un escrito dirixido ao Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra para manifestar o seu máis firme rexeitamento á campaña publicitaria publicada o pasado 14 de maio baixo o lema “Confía na ciencia, confía no teu médic@”.

A organización sindical considera especialmente grave que no cartel se inclúa a frase “Me lo dijo mi enfermera” xunto a mensaxes asociadas a rumores, pseudociencia, vídeos sen rigor ou recomendacións sen base científica, equiparando así a opinión e o criterio profesional das enfermeiras e enfermeiros con información sen validez sanitaria.

A CIG-Saúde valora que esta campaña constitúe un claro menosprezo á profesión enfermeira “e unha falta de respecto cara a un colectivo sanitario con competencias propias e fundamentais dentro do sistema sanitario público”.

A central sindical lembra que as enfermeiras e enfermeiros desenvolven funcións esenciais na atención sanitaria, nos coidados, na educación para a saúde, na investigación, na docencia e na promoción da saúde, sempre baseadas na evidencia científica e na responsabilidade profesional.

Para a CIG-Saúde resulta inadmisíbel que o colexio médico de Pontevedra, que afirma defender a ciencia e o rigor profesional, contribúa a difundir unha mensaxe que desacredita outra profesión sanitaria “e fomenta unha visión xerárquica e obsoleta das relacións entre profesionais, esquecendo a importancia do traballo multidisciplinar e en equipo no ámbito da sanidade”.

0.26499485969543