CCOO pide limitar a apertura comercial en domingos para garantir o dereito ao descanso do persoal

O sindicato denuncia o uso xeneralizado de excepcións legais por parte de grandes cadeas e reclama ás administracións que prioricen a conciliación laboral
tenda-comercio-recurso-xenerica
13 Jun 2026

A Federación de Servizos de CCOO en Galicia solicitou ás administracións públicas unha maior restrición na apertura de establecementos comerciais en domingos e festivos, ao considerar que a actual situación está a afectar directamente ao dereito ao descanso das persoas traballadoras do sector da distribución.

A organización sindical sinala especialmente o impacto das aperturas nestes días en supermercados xestionados por grandes cadeas e franquías, onde, segundo denuncian, se está a producir unha extensión da actividade laboral en xornadas tradicionalmente non laborais.

CCOO advirte de que a normativa galega de horarios comerciais, que contempla excepcións para determinados establecementos de menor superficie, estaría a ser utilizada por grandes grupos a través de estruturas empresariais que lles permiten manter a actividade en domingos e festivos. Esta práctica, engaden, afecta a miles de traballadores e traballadoras que ven reducida a súa posibilidade de conciliación.

Desde o sindicato insisten en que “detrás de cada supermercado aberto nun domingo hai persoas traballadoras que renuncian a tempo coas súas familias e a actividades sociais”, e consideran que esta situación incrementa a presión laboral e reduce os espazos de descanso.

A organización sitúa ademais esta problemática no contexto da negociación do novo convenio do comercio de alimentación na provincia da Coruña, onde unha das principais demandas sindicais é a redución da xornada e a mellora dos períodos de descanso.

CCOO defende que o horario de apertura de luns a sábado é suficiente para atender a demanda habitual da cidadanía, polo que considera que a apertura dominical responde máis a intereses empresariais que a necesidades reais de consumo.

O sindicato tamén vincula esta realidade coas dificultades de cobertura de persoal no sector, que atribúe a factores como a parcialidade dos contratos, os salarios baixos e a falta de estabilidade laboral, elementos que, segundo indican, reducen o atractivo do emprego no comercio.

0.36155200004578