CCOO pide que as boas cifras do turismo repercutan en mellore salarios e emprego de calidade

O sindicato advirte de que o auténtico reto do sector non é incrementar o volume de visitantes, senón garantir condicións laborais dignas para fidelizar e capacitar o persoal
traballadores-lixo-ourense
3 Jul 2026

Os últimos datos publicados pola Axencia Turismo de Galicia e polo Instituto Nacional de Estatística (INE) confirman que o turismo galego continúa a atravesar «un dos mellores momentos da súa historia recente», en palabras do secretario xeral de CCOO-Servizos, Iván Cordeiro. Porén, o «gran desafío» é garantir que este crecemento se traduza en emprego de calidade e en condicións laborais que permitan atraer, cualificar e reter profesionais. «O debate sobre o futuro do turismo debe atender á calidade do emprego e non limitarse ás cifras de visitantes ou pernoctacións», subliña o sindicalista.

Durante o primeiro cuadrimestre de 2026 rexistráronse máis de 2,4 millóns de pernoctacións, a cifra máis elevada da serie histórica para este período, cun incremento do 3,5 % respecto ao ano anterior. Ademais, os indicadores económicos do sector seguen a amosar unha evolución positiva: os ingresos hoteleiros aumentaron un 7,5 %, mentres que o ingreso medio diario por cuarto (ADR) medrou un 5,5 % e o ingreso por cuarto dispoñible (RevPAR) un 8,9 %.

A actividade turística continúa a expandirse. Galicia supera xa as 84 000 prazas de aloxamento turístico, cun incremento do 5,3 % respecto ao ano anterior. Ao mesmo tempo, o turismo internacional representa xa o 28,5 % da demanda total, a porcentaxe máis elevada rexistrada ata o momento. A esta realidade súmase o forte crecemento das vivendas de uso turístico. Segundo os datos do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia, existen actualmente 27 888 vivendas de uso turístico rexistradas, que representan o 86,2  % dos establecementos turísticos existentes e concentran o 48,8 % das prazas ofertadas.

"Non falta man de obra, falta emprego de calidade"

Canto ás queixas de parte do empresariado sinalando as dificultades para cubrir determinados postos de traballo, o secretario xeral de CCOO-Servizos responde que este problema «non se debe á falta de persoas dispostas a traballar, senón á necesidade de mellorar as condicións laborais e salariais que se ofrecen».

Iván Cordeiro abunda en que «estamos ante un sector que segue a medrar e a transformarse. Por iso é imprescindible planificar o seu desenvolvemento desde unha perspectiva que sitúe as persoas traballadoras no centro das políticas turísticas».

O sindicato sostén que un turismo competitivo e de calidade require investir na cualificación profesional do persoal, impulsar a formación continua, mellorar a organización do traballo e adaptar os cadros de persoal ás necesidades reais do sector. Pero advirte de que ningún destes obxectivos será posible sen unha mellora efectiva das condicións laborais e salariais. «Non hai profesionalización sen salarios dignos nin fidelización do talento sen estabilidade laboral», resume Cordeiro.

CCOO-Servizos reclama, por iso, que as organizacións empresariais aproveiten o bo momento económico que vive o turismo galego para desbloquear a negociación colectiva, paralizada desde hai máis dun ano nas provincias da Coruña e Lugo. O sindicato considera imprescindible mellorar os salarios, reforzar os cadros de persoal e avanzar en medidas que favorezan a conciliación da vida laboral e familiar.

«O turismo galego non pode basear a súa competitividade na contención dos custos laborais nin na consecución do máximo beneficio empresarial á custa das condicións laborais das persoas traballadoras. Galicia ten a oportunidade de consolidar un modelo turístico de maior valor engadido, máis sostible e socialmente máis xusto pero, para logralo, o crecemento da actividade debe traducirse tamén en máis dereitos, mellores salarios e emprego de calidade», conclúe o secretario xeral de CCOO-Servizos.

0.44739007949829