CCOO quenta motores para a folga do comercio cunha concentración contra a apertura en domingos e festivos

A Federación de Servizos de CCOO concentrouse este mércores diante do centro comercial As Cancelas, en Santiago de Compostela, para expresar o seu rexeitamento á apertura de establecementos comerciais en determinados domingos e festivos. A mobilización, que contou coa participación de ducias de delegadas e delegados, tivo lugar a poucos días da folga convocada no comercio galego para os próximos 26 de xullo e 15 de agosto, e para reforzar a campaña sindical que reclama dereito ao descanso e á conciliación das persoas traballadoras do sector.
Durante a concentración, as persoas participantes despregaron unha gran pancarta co lema «esiximos tempo para vivir!» e corearon consignas en defensa do descanso en domingos e festivos, incidindo na necesidade de poñer freo a un modelo baseado na dispoñibilidade permanente das persoas traballadoras.
CCOO lembra que esta mobilización dá continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos meses a favor do dereito ao descanso das persoas traballadoras do comercio. Durante este tempo, o sindicato defendeu en diversos foros —tanto institucionais como perante a opinión pública— o seu rexeitamento a un modelo de aperturas comerciais que considera «daniño». Así mesmo, valora positivamente que outras organizacións sindicais se incorporaran finalmente a esta reivindicación e ás mobilizacións convocadas, ao considerar que a unidade de acción reforza a defensa dos intereses das traballadoras e traballadores do comercio galego.
O sindicato insiste en que a apertura comercial dos próximos días 26 de xullo e 15 de agosto constitúe un «ataque ao dereito ao descanso e á conciliación da vida laboral, persoal e familiar». Ao seu xuízo, a ampliación da actividade comercial en domingos e festivos consolida un modelo baseado na dispoñibilidade permanente das persoas traballadoras, que agrava os problemas dun sector altamente feminizado, marcado pola parcialidade, os horarios irregulares e as dificultades para compatibilizar o emprego coa vida persoal e familiar.
Ademais, CCOO denuncia que este modelo beneficia principalmente as grandes cadeas e superficies, que dispoñen de máis recursos para aproveitar as aperturas en festivos, mentres prexudica o pequeno comercio, sometido a unha competencia desigual que compromete a súa viabilidade. Para o sindicato, o futuro do comercio non pasa por abrir máis días, senón por mellorar as condicións laborais, reforzar o emprego de calidade e garantir o dereito ao descanso.