CCOO reclama técnicos superiores en dietética en todas as cociñas hospitalarias do Sergas

O sindicato pide que supervisen a alimentación dos pacientes en todas as quendas e aposta por recuperar para a xestión pública as cociñas actualmente externalizadas
HULA-hospital-Lugo-portada
10 Aug 2026

A Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de CCOO de Galicia reclama ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a incorporación “efectiva e xeneralizada” de persoal técnico superior en dietética nas cociñas dos hospitais galegos, tanto nas que son de xestión pública como nas que están externalizadas.

O sindicato considera que estes profesionais deberían estar presentes en todas as quendas e servizos de comidas para garantir a supervisión da alimentación dos pacientes. Segundo CCOO-Sanidade, aínda que esta categoría profesional existe no Sergas desde hai anos, a súa presenza nos hospitais continúa sendo “moi limitada”, polo que determinadas tarefas relacionadas coa supervisión e a toma de decisións sobre a alimentación hospitalaria recaen noutras categorías profesionais, malia non corresponderlles esas funcións.

CCOO considera que a incorporación destes técnicos permitiría reforzar o control da alimentación antes da súa distribución aos pacientes. Entre as súas funcións estaría a supervisión das dietas e a detección de posibles erros nas pautas especiais ou nas relacionadas con alerxias e intolerancias.

Para o sindicato, este labor resulta “fundamental” para asegurar que cada paciente reciba correctamente a alimentación prescrita e para manter ese control durante todas as quendas de comidas.

A organización sindical reclama especialmente esta presenza nas cociñas hospitalarias que están externalizadas. Neses casos, CCOO defende que a supervisión directa da alimentación dos pacientes debe quedar en mans de persoal estatutario do Sergas, co obxectivo de garantir unha actuación independente e centrada na seguridade e na calidade asistencial.

O sindicato considera que deste xeito se evitarían “posibles conflitos de interese derivados da xestión privada”, ao separar a supervisión da alimentación da propia xestión externa do servizo.

CCOO tamén cuestiona a utilización de recursos públicos para contratar empresas externas cando o Sergas conta cunha lista de contratación na que figuran preto de 500 persoas tituladas como técnicas superiores en dietética.

Por este motivo, a Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de CCOO de Galicia aposta por recuperar progresivamente para a xestión directa do sistema sanitario público os servizos de cociña que actualmente están externalizados.

A organización sindical propón que as concesións non se renoven a medida que vaian chegando ao seu remate, de maneira que estes servizos poidan volver quedar baixo xestión directa do Sergas.

Para CCOO, a incorporación xeneralizada de persoal técnico superior en dietética e a recuperación progresiva da xestión pública das cociñas permitirían reforzar a seguridade e a calidade da alimentación hospitalaria, facer un uso máis eficiente dos recursos públicos e garantir que cada categoría profesional “desenvolva as funcións que lle corresponden”.

0.40702199935913