CCOO, UGT e CIG discrepan sobre a evolución do emprego en Galicia en agosto, marcado pola estacionalidade

O mercado laboral galego pechou agosto cun aumento do paro e un descenso da afiliación á Seguridade Social, nun comportamento condicionado en boa medida pola estacionalidade do verán. Galicia sumou 2.369 persoas desempregadas, un 2,2%, ata situar o número total de parados en 109.691, mentres que a afiliación media mensual descendeu en 1.467 persoas (-0,13%), aínda que alcanzou os 1.134.483 cotizantes, un 2,09% máis que hai un ano e a segunda cifra máis alta da serie histórica, só por detrás de xullo.
Os datos xeraron valoracións diferentes entre as principais organizacións sindicais. CCOO considera que Galicia presenta un comportamento laboral peor que o de hai un ano e alerta dun aumento do desemprego feminino, da perda de afiliación e do retroceso da contratación indefinida. Segundo os seus datos, seis de cada dez persoas desempregadas son mulleres, con 65.410 paradas fronte a 44.281 homes.
A contratación tamén se reduciu en agosto. Formalizáronse 64.195 contratos, un 24,8% menos que en xullo, aínda que un 8,6% máis que hai un ano. Deles, 16.438 foron indefinidos e 47.757 temporais. CCOO advirte de que a contratación indefinida caeu un 31,5% respecto ao mes anterior.
Por sectores, o paro descendeu unicamente no primario, con 56 desempregados menos, mentres aumentou na industria, na construción e, especialmente, nos servizos, que concentraron 1.801 novos parados. En canto á afiliación, a hostalaría perdeu 1.458 empregos e a sanidade e os servizos sociais outros 995, mentres que a educación sumou 2.647 afiliados.
A secretaria de Organización e Políticas Públicas de CCOO, Maica Bouza, advertiu de que "se non fose polo inicio do curso escolar e o repunte na contratación na educación, atopariámonos cuns datos alarmantes para o mes de agosto". Tamén cuestionou a política económica da Xunta: "E nesta preocupante situación, onde está o Goberno da Xunta?".
UGT-Galicia, en cambio, considera que os datos manteñen unha tendencia estrutural positiva e atribúe o repunte do paro ao comportamento estacional propio de agosto. O sindicato destaca especialmente o crecemento anual da afiliación e o peso dos contratos indefinidos, aínda que reclama avanzar na mellora dos salarios e da protección laboral.
A organización reclama abrir a negociación do VI Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC) e propón unha suba salarial mínima do 4% anual entre 2026 e 2028, ademais de revisar o Salario Mínimo Interprofesional ante o incremento da inflación, que en agosto alcanzou o 4,3%.
UGT tamén pon o foco na fenda de xénero: as mulleres representan o 59,63% do desemprego galego. Así mesmo, destaca que a temporalidade da afiliación se sitúa no 16,14%, fronte ao 30,52% de agosto de 2021, como mostra, ao seu xuízo, do impacto da reforma laboral.
A CIG ofrece unha lectura máis crítica e sostén que a evolución de agosto confirma o peso da precariedade e da estacionalidade. O seu secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, denuncia que a perda de afiliación se concentra nas persoas con contrato indefinido e vincula esta situación á falta de derrogación da reforma laboral de 2012.
Ao seu xuízo, o modelo laboral galego, baseado en sectores estacionais, facilita o despedimento de traballadores indefinidos. "A destrución das afiliacións á Seguridade Social produciuse nas persoas con contrato indefinido, mentres a caída non foi máis grande grazas ao aumento da temporalidade", afirma.
González Sío considera ademais que as mulleres seguen sendo as principais prexudicadas por este modelo e alerta dun "abuso no contrato por circunstancias da produción". "As empresas perderon o medo á contratación temporal", sostén, ao tempo que reclama un cambio de modelo que permita xerar emprego estable e con mellores condicións.