Celebran mañá unha andaina arredor da figura de Avelino Díaz

A asociación Avelino Díaz e a Fundación Giner celebrarán mañá un roteiro literario por Meira, que leva por título Andainas con Avelino Díaz.
Avelino Díaz
21 Jun 2021

Co suxestivo lema Sendas de letras, palabras e libros: talleres, paseos e lecturas, a Asociación Cultural Avelino Díaz e a Fundación Giner de los Ríos – Institución Libre de Enseñanza, organizan en Meira dúas actividades nesta semana que comeza.

A primeira será a estrea do roteiro escolar Andainas con Avelino Díaz, que nesta primeira edición levará por lema paseo, poemas e xogos familiares. O deseño dunha ruta curta arredor da figura de Avelino é unha vella aspiración da Asociación Cultural que leva o seu nome, pois son moitas as excursións escolares que chegan a Meira e que non dispoñen do tempo suficiente para realizar o roteiro oficial, que une A Órrea con Meira. Deste modo, quedará aberta a posibilidade de levar a cabo un paseo de aproximadamente unha hora de duración no que se poderán visitar lugares singulares na vida e na obra de Avelino, empezando pola casa onde residiu no lugar da Pena.

A ruta, reservada para familias nesta primeira ocasión, partirá da Praza Maior de Meira ás 17.00 h. do martes, día 22 de xuño. Para poder realizala é preciso formalizar a inscrición no enderezo electrónico actividades@fundacionginer.com ou no teléfono (a través de Whastapp) 609 053 213.

A segunda das actividades programadas consistirá nunha conferencia telemática sobre o autor impartida polo profesor Bernardo Penabade, que se celebrará o vindeiro xoves, día 24 de xuño, a partir das 19.00 h. na canle da Institución Libre de Enseñanza (https://youtu.be/aV_vpQy_xZs). Bernardo Penabade, á marxe do seu recoñecido prestixio como filólogo e investigador, é unha das persoas responsables do chamado Modelo Burela, unha iniciativa pioneira que busca a integración lingüística das persoas inmigrantes. Nos últimos anos, o profesor Penabade significouse tamén polos seus estudos arredor da figura de Avelino Díaz.

As dúas actividades responden a un proxecto de colaboración da AC Avelino Díaz e da Fundación Giner de los Ríos – Corporación de Antiguos Alumnos/as y Amigos/as de la Institución Libre de Enseñanza (https://www.fundacionginer.org/historia.htm). Trátase dunha institución herdeira da Institución Libre de Enseñanza, que foi fundada en 1876 pero que talvez sexa especialmente recordada polo seu proxecto de educación popular –as misións pedagóxicas– durante a II República, cando conseguiu levar os libros e o cine, por exemplo, a lugares absolutamente recónditos –dadas as deficientes comunicacións do momento– de todo o Estado, e conseguindo tamén divulgar a cultura e camiñar cara á utopía da alfabetización universal, ata que a Guerra Civil truncou o seu traballo.

Entre as súas iniciativas actuais, a Fundación programa unha serie de actividades en diferentes puntos do Estado baixo o lema “Sendas de letras, palabras e libros: talleres, paseos e lecturas”. O proxecto está dirixido pola meirega Silvia Basanta, e partindo dos valores fundacionais da ILE, nel ocupa un papel es­pecial a transmisión oral e escrita, de tal maneira que a través de lecturas, talleres e paseos, as actividades programadas son unha proposta de ocio educativo e cultural para todas as idades.

andaina avelino diaz
Cartel sendas de lttras palabras e libros avelino

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14853310585022