Celeiro reúne ao sector pesqueiro para esixir unha reforma real da política europea e reclamar máis unidade de cara ao futuro

Celeiro volveu situarse, un ano máis, no centro do debate sobre o futuro da pesca europea. As XXX Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro reuniron durante tres xornadas a representantes institucionais, empresarios, científicos e profesionais do mar, que analizaron os principais retos dunha actividade que atravesa un momento de profunda transformación.
Un dos asuntos que concentrou maior atención foi a política pesqueira comunitaria. Nunha das sesións de maior peso estratéxico do encontro, Javier Garat, secretario xeral da Confederación Española de Pesca (CEPESCA), e Iván López, presidente da Coalición Internacional de Asociacións Pesqueiras (ICFA) e director xeral de Pesquera Áncora, coincidiron en poñer en dúbida o alcance real da coñecida como Visión 2040 para a pesca europea, ao entender que este plantexamento non dá resposta suficiente aos problemas de fondo que arrastra a Política Pesqueira Común. O encontro entre ambos os dous dirixentes, moderado por Dani Rivera, abordou cuestións como a obriga de desembarque, as restricións á capacidade dos buques e as dificultades para renovar unha frota que precisa modernizarse.
Sobre a obriga de desembarque, Garat foi especialmente crítico e definiuna como unha norma de imposible cumprimento, defendendo a necesidade de substituíla por un sistema máis realista que, sen renunciar ao obxectivo de reducir os descartes, resulte aplicable na práctica. Pola súa banda, López puxo o acento na importancia de reforzar a base científica das decisións e de aproveitar o coñecemento acumulado polos propios profesionais do sector para deseñar alternativas con fundamento técnico.
A renovación da frota foi outro dos grandes temas tratados. Segundo trasladaron os relatores, resulta contraditorio que se impulsen obxectivos como a descarbonización, a eficiencia enerxética ou a mellora das condicións de vida a bordo mentres se manteñen límites de capacidade que dificultan incorporar novas tecnoloxías e mellorar os espazos destinados ás tripulacións. Por iso, reclamaron un marco normativo que permita modernizar os barcos sen que iso supoña unha penalización para as melloras en seguridade e benestar laboral.
O debate tamén se estendeu á dimensión internacional da actividade. Sinaláronse como motivo de preocupación as dificultades para manter acordos pesqueiros estables con terceiros países, a incerteza sobre o acceso a determinados caladoiros e a competencia de produtos importados que non sempre cumpren as mesmas esixencias que se aplican á produción europea. Fronte a isto, defendeuse a necesidade de garantir relacións pesqueiras estables e condicións de competencia equitativas.
A estas preocupacións sumouse a incerteza arredor do próximo marco financeiro plurianual da Unión Europea, ante a posible redución dos fondos destinados especificamente á pesca nun momento en que o sector precisa investir en modernización, innovación e descarbonización. Neste sentido, apuntouse á colaboración entre organizacións de produtores, universidades e centros tecnolóxicos como unha vía para reforzar a capacidade de resposta do sector.
A investigación científica, o relevo xeracional, a simplificación de trámites administrativos e a promoción do consumo de produtos do mar completaron un diagnóstico que puxo de manifesto a amplitude dos desafíos actuais. Neste contexto, Garat presentou as propostas recollidas nun decálogo elaborado por CEPESCA e remitido ás distintas forzas políticas, orientado a reforzar a viabilidade das empresas do sector e o atractivo da profesión.
Ademais desta sesión, as xornadas contaron coa participación doutros expertos como Juan Martín Fragueiro e Julio Morón, que tamén se referiron á necesidade de adaptar a normativa europea á realidade do sector, incidindo en aspectos como a burocracia ou o financiamento previsto no próximo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
O programa incluíu así mesmo bloques dedicados á ciencia e á sustentabilidade, con intervencións de Rafael Sardá, Xoán Inacio Amoedo e Iago Izquierdo, así como á innovación tecnolóxica e á intelixencia artificial aplicada ao sector, da man de Rogelio Pozo, de AZTI, e Estanis Mugerza. A descarbonización, a eólica mariña, a eficiencia enerxética, o cambio climático, a gobernanza dos océanos e o relevo xeracional foron outros dos asuntos abordados ao longo do encontro.
A economía azul, a comercialización e o consumo de produtos pesqueiros tamén tiveron o seu espazo, coa intervención de Edelmiro Ulloa, en representación de ARVI, e Rosario Pedrosa, de AECOC.
No encontro participaron tamén representantes das administracións públicas. Pola Secretaría Xeral de Pesca (MAPA) interveu o seu director, Ramón de la Figuera Morales, quen subliñou que a sustentabilidade “non é un punto, é unha horquilla” e sinalou a intención de planificar as políticas pesqueiras a partir dun Programa de Investigación Pesqueira xa elaborado. Pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia interveu o subdirector xeral de Pesca, Pedro Riveiro Domínguez, quen defendeu unha política pesqueira que teña en conta as diferenzas existentes entre territorios e que permita avaliar con rigor o sistema actual para adoptar medidas axustadas á realidade.
As xornadas, que cumpriron a súa trixésima edición, incluíron ademais un recoñecemento ao CETMAR con motivo do seu 25 aniversario. A directora do centro tecnolóxico, Rosa Chapela, pronunciou unhas palabras que foron recibidas cun prolongado aplauso por parte do público asistente. O acto de clausura correu a cargo do delegado provincial da Xunta de Galicia, quen destacou o peso económico e social do sector pesqueiro en Galicia.
Máis alá das distintas valoracións expostas polos participantes, o encontro deixou unha mensaxe compartida por boa parte do sector: o futuro da pesca europea pasa polo diálogo, a capacidade de negociación e, sobre todo, a unidade, como vía para defender o seu papel económico, social e territorial ante as administracións nacionais, europeas e internacionais.