Centos de empregados públicos concéntranse diante da Xunta para reclamar máis dereitos laborais e mellores servizos públicos

A parlamentaria socialista Patricia Iglesias acusou hoxe á Xunta de provocar unha “nova discriminación” contra os preto de 500 traballadores e traballadoras públicas que aprobaron a promoción interna
manifestacion-empregados-xunta
10 Jun 2026

Centos de empregados e empregadas públicas da Administración galega concentráronse este mércores diante da sede da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela nunha mobilización convocada por CCOO, CSIF e UGT para denunciar o que consideran un recorte de dereitos laborais e reclamar unha mellora dos servizos públicos.

As tres organizacións sindicais criticaron a actuación da Administración autonómica, á que acusan de actuar mediante a imposición de medidas sen un marco real de negociación colectiva, así como de mostrar unha falta de vontade para alcanzar acordos coas organizacións representativas do persoal. Segundo denuncian, esta situación está a provocar un deterioro progresivo das condicións laborais e do funcionamento dos servizos públicos.

Os sindicatos sosteñen que as decisións adoptadas nos últimos meses supoñen un retroceso en cuestións fundamentais relacionadas coa negociación colectiva, a seguridade xurídica, a transparencia e os dereitos das traballadoras e traballadores públicos. Ademais, consideran que a Xunta está a ignorar de forma reiterada as súas demandas e propostas, o que cualifican como unha dinámica incompatible co diálogo social.

Entre os exemplos expostos polas organizacións convocantes figura a modificación do decreto de listas de contratación temporal, aprobada malia o voto en contra dos representantes sindicais presentes na negociación. Tamén sinalan os atrasos e problemas na resolución de procesos selectivos, concursos de traslados e procesos de estabilización, así como a decisión de devolver á empresa pública SEAGA a xestión das brigadas de prevención e defensa contra incendios forestais.

CCOO, CSIF e UGT reclaman a suspensión da reforma do decreto de listas, a resolución definitiva dos procesos selectivos e de mobilidade con garantías xurídicas, así como o reforzo do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais mediante a súa xestión directa pola Consellería do Medio Rural.

As organizacións sindicais tamén demandan a implantación efectiva da xornada laboral de 35 horas, a apertura dun novo acceso extraordinario á carreira profesional, a posta en marcha do sistema ordinario de carreira profesional, o desenvolvemento do grupo B de clasificación profesional e un impulso real á promoción interna e ao acceso ao emprego público.

Entre outras reivindicacións, solicitan a implantación do concurso aberto e permanente, a ampliación dos coeficientes redutores para determinados colectivos profesionais, a apertura das mesas de negociación pendentes en diferentes ámbitos da Administración e avances concretos nos acordos relacionados coa política social e co sector do medio rural.

As tres centrais sindicais defenderon a necesidade de manter unha estratexia común para recuperar o diálogo coa Administración e mellorar tanto as condicións laborais do persoal como a calidade dos servizos prestados á cidadanía. Ademais, destacaron a súa vontade de actuar de forma coordinada fronte ao que consideran mobilizacións unilaterais vinculadas a intereses ideolóxicos.

Esta concentración constitúe a primeira acción dunha campaña de mobilizacións que, segundo avanzaron os convocantes, continuará nos próximos meses co obxectivo de denunciar o deterioro da función pública e esixir un cambio de rumbo na política de persoal da Xunta de Galicia. Os sindicatos lembraron que a defensa dos dereitos dos empregados públicos está directamente ligada á defensa duns servizos públicos de calidade para o conxunto da sociedade.

O PSOE acusa á Xunta de discriminar ao persoal

A parlamentaria socialista Patricia Iglesias acusou hoxe á Xunta de provocar unha “nova discriminación” contra os preto de 500 traballadores e traballadoras públicas que aprobaron a promoción interna interno en 2023 e que levan máis de dous anos agardando pola resolución definitiva. Iglesias presentou unha pregunta oral na Comisión Institucional do Parlamento sobre esta “constatación dun fracaso de planificación” do goberno galego.

Advertiu que esta situación deriva dunha política de persoal que “leva anos funcionando sen planificación, sen previsión e sen un modelo estable de provisión e carreira profesional”. Engadiu que esta forma de traballar baseada na “improvisación permanente” provoca “concursos bloqueados, tomas de posesión aprazadas, comisións de servizo permanentes, falta de concursos abertos e ausencia de calendarios previsibles”.

Criticou que diante desta situación, o goberno galego teña decidido relegar a este persoal da promoción interna, que queda “postergado por detrás doutros procesos selectivos e mesmo dos procesos extraordinarios de estabilización”. Denunciou que o que están a demostrar é que a promoción interna non é unha prioridade, provocando un “agravio comparativo” con estes profesionais nun proceso que está a resultar “profundamente inxusto”.

Reclamou “un verdadeiro sistema de promoción interna periódica e previsible, acompañado dun concurso aberto e permanente, que permita desenvolver a carreira profesional sen depender da improvisación nin das mudanzas continuadas da Administración”.

0.3724901676178