Cervantes acollerá unha xornada para sensibilizar sobre a violencia de xénero e tecer redes de apoio entre mulleres

As Pallozas de San Román, en Cervantes, acollerán o vindeiro sábado 7 de novembro a xornada 'Axúdame Compañeira', unha iniciativa organizada pola Asociación de Mulleres Rurais Argalleiras, o C.D.R. Ancares e FADEMUR Galicia para sensibilizar sobre a violencia de xénero, especialmente no medio rural, coincidindo co mes no que se conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o 25 de novembro.
O encontro pretende visibilizar unha realidade tamén presente nas aldeas e nos territorios de montaña, promover a reflexión colectiva e achegar información e recursos ás mulleres. As entidades organizadoras lembran que a dispersión xeográfica, o illamento e as dificultades de acceso a determinados servizos poden complicar a identificación e o afrontamento das situacións de violencia de xénero no rural. Por iso, consideran fundamental crear espazos próximos de información, diálogo e acompañamento que permitan compartir experiencias e fortalecer as redes de apoio mutuo.
A programación comezará ás 16:30 horas cunha presentación institucional na que participarán Verónica Marcos, presidenta de FADEMUR Galicia; Benigno Gómez, alcalde de Cervantes; Olimpia López, subdelegada do Goberno en Lugo; Isabel Calvete, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais Argalleiras, e Óscar Viñas, xefe territorial da Xunta de Galicia en Lugo.
Ás 16:50 horas celebrarase unha mesa redonda sobre a prevención da violencia de xénero no medio rural, centrada nas particularidades desta problemática en territorios como Os Ancares e na importancia da prevención, a detección e o acompañamento ás mulleres afectadas.
A xornada continuará ás 18:00 horas coa proxección da curta 'Pura', que contará coa presenza da súa directora, Carmen Méndez. Ás 18:50 horas, Branca Villares impartirá o obradoiro 'Axúdame Compañeira. Tecendo redes de soporte e coidado entre mulleres a través dos cantares e dos tempos', unha proposta participativa que utilizará a tradición oral e os saberes compartidos para favorecer a conexión entre mulleres e reforzar os vínculos comunitarios.
A programación rematará ás 19:30 horas coa actuación do grupo tradicional Son de Cores e, a partir das 20:00 horas, cun espazo de convivencia con petiscos.
As entidades organizadoras fan un chamamento ás mulleres da comarca e á veciñanza en xeral para participar nesta iniciativa, que busca lembrar que a loita contra a violencia de xénero é unha responsabilidade colectiva e que a información, a sensibilización e o apoio mutuo son fundamentais para avanzar cara a unha sociedade libre de violencias. O obxectivo é que ningunha muller se sinta soa, viva onde viva.