Cervo impulsa a restauración da histórica mina submarina situada en San Cibrao

A peza da II Guerra Mundial será restaurada pola Armada mentres unha réplica ocupará temporalmente o seu lugar no monumento da Pena Meá
entrega-á-Armada-da-histórica-mina-submarina-da-II-Guerra-Cervo
26 Jun 2026

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, acompañada polo concelleiro Alfredo Fernández e polo presidente da Asociación Mar de San Cibrao, Moncho Rivas, desprazouse ao Arsenal de Ferrol para facer entrega á Armada da histórica mina submarina da II Guerra Mundial situada na zona de Miramar, na Pena Meá. A peza será sometida a un proceso de restauración e conservación co obxectivo de garantir a súa preservación.

Durante a visita tamén recolleron a réplica da mina, que será instalada nos vindeiros días no monumento á Armada, no seu emprazamento habitual, mentres se desenvolven os traballos de recuperación da peza orixinal.

Esta actuación, promovida polo Concello de Cervo e pola Asociación Mar de San Cibrao, permitirá conservar un dos elementos patrimoniais máis representativos da localidade. A mina forma parte do monumento á Armada inaugurado no ano 1967 e chegou á costa de San Cibrao en decembro de 1965, arrastrada polas correntes mariñas e os temporais. Tras ser desactivada pola Armada, foi colocada na Pena Meá como recordo dun episodio histórico que permanece moi presente na memoria colectiva da vila.

Dolores García Caramés destacou que esta intervención representa un paso importante para preservar un dos símbolos máis recoñecibles do patrimonio histórico e marítimo do municipio. A rexedora sinalou que a colaboración coa Armada permitirá recuperar e conservar a peza nas mellores condicións posibles para garantir que continúe formando parte da identidade colectiva da localidade.

A alcaldesa agradeceu tamén a implicación da Asociación Mar de San Cibrao e a colaboración da Armada, especialmente do Almirante Xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Vicente Rubio Bolivar, e do comandante José Manuel de Mata Hervás, destacando o traballo coordinado que permitirá manter unha réplica visible para a cidadanía durante o proceso de restauración.

0.32366394996643