César Mogo avala o acordo para o traspaso da AP-9 e anuncia o fin "do relato avariado e trampulleiro do PP"

O senador do PSdeG defendeu esta operación, que contou co apoio maioritario dos grupos agás os populares, “que quedaron só na compaña da extrema dereita”
senador-psoe-cesar-mogo
10 Jul 2026

O senador do PSdeG César Mogo defendeu no pleno do Senado o amplo acordo acadado no Congreso para a transferencia da AP-9 a Galicia, acordo que concitou o apoio maioritario dos grupos parlamentarios agás o do PP, “que quedou só na compaña da extrema dereita”. Mogo afirmou que coa devolución da lei ao Congreso, onde se referendará o texto tal e como saíu desa Cámara, “finaliza o relato avariado e trampulleiro do PP”. “Levan 25 anos enganando coa AP-9 e agora remata a mentira, e iso é o que non poden soportar”, subliñou.

Mogo valorou que o acordo ao que chegaron PSOE, BNG e Sumar incorpora “a máis grupos que os que integran o Parlamento galego”, fronte a un PP que se nega a participar del para “rebaixar o papel das Cortes Xerais ao de simple xestoría”. “Vostedes asinaron leis no Parlamento de Galicia que despois emendaron aquí”, recordoulles o senador socialista aos populares sobre o que constitúe unha tramitación habitual dos textos legais.

Por outra banda, sinalou o cambio de posición do Partido Popular respecto do traspaso da autoestrada galega unha vez que perdeu o Goberno de España. “A data clave é o 1 de xuño de 2018. Ese día, o PP pasou de non crer no traspaso, de opoñerse e vetalo, a ter furor polo traspaso”, asegurou.

“Vostedes non quixeron nunca a transferencia. Nin cando Aznar ampliou a concesión e lle aplaudían, nin cando privatizou a autoestrada e Feijoo, que era conselleiro, tamén lle aplaudía”, lamentou para, a continuación, indicar que os populares “só pediron o traspaso cando tiveron a oportunidade de Usalo para confrontar co Goberno de Pedro Sánchez”. “Só o querían para iso”, insistiu.

Os vetos de Rajoy e Pastor aos acordos do Parlamento galego

César Mogo destacou que os galegos e as galegas “xa saben quen os apoiou cando se trataba de xogar en serio e non de farol”, e avanzou que o PP “non poderá desfacer” o acordo. “Volverá ao Congreso e haberá traspaso, mal que lles pese”, sentenciou.

No debate tamén interveu Manuel Mirás, que “escoitando ao PP, calquera podería concluír que foi sempre o gran defensor da transferencia, pero cando gobernaba Rajoy e Pastor presidía o Congreso ambos vetaron reiteradamente que a vontade do Parlamento de Galicia nin sequera fose debatida nas Cortes Xerais”.

O senador do PSdeG recordou tamén cando, nada máis chegar á presidencia da Xunta, en 2009, Feijoo reclamou a titularidade da autoestrada para Galicia. “Duroulle pouco, porque cando o PP vetou iso, non lle escoitamos nada. Non houbo protestas. Houbo silencio”, explicou.

Mirás defendeu que o acordo para a transferencia “ofrece todas as garantías necesarias para que poida realizarse con toda a seguridade xurídica e financeira, porque deixa claro que responsabilidades deberían ser asumidas polo Estado”. Subliñou tamén que, “como acontece con todos os traspasos competenciais”, deberá ser a comisión bilateral de cooperación entre a Administración central e a autonómica a que negocie os termos concretos. Nese senso, criticou que tratar de incorporar agora ese tipo de cuestións, como pretende o Partido Popular, “demostra falta de confianza nos mecanismos constitucionais”.

Manuel Mirás lembrou, por outra banda, que mentres as Cortes avanzaban no procedemento, o Goberno central impulsou medidas para dar resposta ás demandas da cidadanía, habilitando descontos que acadan ata o 75 % do prezo das peaxes, o cal xa supuxo “un enorme aforro” para miles de galegos e galegas nos últimos anos.

“Fronte a discursos, feitos. Non se poden reclamar competencias cando se está na oposición e bloquealas cando se goberna”, dixo Mirás acerca da evolución das posicións do PP respecto da transferencia da AP-9 a Galicia nas últimas lexislaturas.

0.35658693313599