César Mogo defende que a lei de netos e cualifica de vergoña “o ataque de Rueda e Feijoo á emigración”

Se o PP quere quitarlle o voto á cidadanía do exterior, que presente unha reforma constitucional, e se quere privala do dereito á nacionalidade, que promova unha reforma do Código Civil, pero a nós teranos en fronte”, advertiu
senador-psoe-cesar-mogo
1 Oct 2026

O senador do PSdeG César Mogo defendeu onte na Cámara alta que a Lei de Memoria Democrática e a súa disposición oitava “son reparadoras dunha débeda e duna inxustiza” que se cometeu con moitos compatriotas que perderon a nacionalidade tras a Guerra Civil, e especialmente “coas mulleres ás que unha reforma franquista do Código Civil obrigou a renunciar á súa nacionalidade cando contraían matrimonio cun estranxeiro”.

No debate dunha iniciativa do Grupo Socialista no pleno, sinalou que quen se opoñen a esa norma “moito deben de temer o voto da cidadanía, cando piden que centos de miles de persoas queden sen dereito ao sufraxio”. “Aí onde hai un dereito gañado, aí está o PP para convertelo nun problema. Pasou coas pensións, pasou coa reforma laboral e vai pasar coa protección fronte aos desafiuzamentos”, censurou.

Mogo insistiu en que a coñecida como lei de netos implica “un recoñecemento á emigración” e ao seu sacrificio e puxo de manifesto a discrepancia do Partido Socialista co Tribunal Supremo, “porque, ademais de non ser competente para suspender o dereito a voto, priva á cidadanía dun dereito fundamental dun xeito que nin está amparado nos marco dun estado de excepción”.

O parlamentario socialista sinalou a Feijoo, que “empezou esta batalla”, por poñerse “en modo trumpista e fabricar un bulo disparatado, coma se se puidesen manexar as vontades políticas de centos de miles de persoas, como se fosen cidadáns sen criterio e de segunda”. “Ese é o insulto que Feijoo e o PP lle dedican á emigración”, dixo, e denunciou que, ademais, están a acusar aos funcionarios consulares “de participar en actos delictivos”. “Cales serán os seguintes colectivos vítimas deste novo sufraxio censitario que inventou o PP no seu plan de recorte de dereitos e liberdades?”, preguntouse.

César Mogo levou ao debate unha cita do propio Feijoo, de hai só tres anos. Foi a seguinte: “Que lles expliquen por que un neto ou un fillo que ten dereito á nacionalidade española non a pode ter e si a pode ter un africano do norte, os europeos do leste ou calquera que non teña sangue española”. Tras cualificala de “un pouco racista”, o senador socialista sinalou que agora o propio Feijoo e Rueda “cambiaron de opinión e escandalízanse”.

“Sinto vergoña de que un expresidente da Xunta e un presidente da Xunta ataquen desta maneira inclemente á emigración española, aos descendentes de españois e aos seus ascendentes. Que vergoña que o presidente da Xunta participe nesta mascarada”, dixo Mogo.

Así, constatou que o PP pasou de defender e prometer no seu programa electoral que a lei de netos “debera ser universal e ilimitada” a querer impedirlles a nacionalidade ás mesmas persoas. “O que pretenden é a supresión da transmisión da nacionalidade de pais a fillos”, apuntou.

“Un inmenso bulo”

“Se o PP quere quitarlle o voto á cidadanía do exterior, que presente unha reforma constitucional, e se quere privala do dereito á nacionalidade, que promova unha reforma do Código Civl, pero que non engane. A nós teranos en fronte”, advertiu o senador do PSdeG.

Finalmente, Mogo botou a vista atrás para relatar o que aconteceu noutras épocas respecto de cuestións similares. Indicou que na presidencia de Rajoy “multiplicouse por tres o número de nacionalizados”. “Estábase cometendo un fraude entón? Non estábase aplicando a lei”, asegurou. O que quere agora o PP, “non valía para os sefardís? Porque se nacionalizou a 100.000 persoas”, criticou respecto das contradicións dos populares. “O que están propagando vostedes é un inmenso bulo”, concluíu.

0.35677599906921