Chamada á cidadanía para doar sangue e incrementar as reservas dos grupos con niveis baixos

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), realiza un chamamento xeneralizado á participación da poboación galega na doazón de sangue e, de maneira especial, aos doantes dos grupos A+, 0+ e 0-.
As reservas deste grupo presentan niveis baixos, polo que é preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón que realiza a Consellería de Sanidade por mediación de ADOS. Cómpre lembrar que os centros sanitarios de Galicia necesitan entre 400 e 500 doazóns diarias para desenvolver de maneira eficaz as súa asistencia sanitaria.
En moitos dos labores asistenciais que se realizan a diario nos hospitais de Galicia son imprescindibles os compoñentes sanguíneos. Comezan as vacacións, pero non por iso descenden as necesidades hemoterápicas dos hospitais galegos, polo que segue sendo imprescindible a xenerosidade e altruísmo de todos os cidadáns. ADOS solicita un esforzo especial para incrementar as reservas de sangue.
Ao longo da presente semana será posible doar nos locais de atención permanente ao doador existentes nas sete grandes cidades galegas ou nas unidades móbiles da Axencia que visitarán diferentes concellos galegos.
Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.