Chantada comeza este xoves cinco días de Festas Patronais en honra á Virxe do Carme

O Concello despraga cinco xornadas de música, tradición e actos familiares, con citas destacadas como o Folión de Carros, o Certame de Bandas ou a Festa da Empanada
festas_chantada_26
20 Aug 2026

Chantada vive as súas Festas Patronais en honra á Virxe do Carme, que se desenvolverán do 20 ao 25 de agosto cunha programación que combina música, tradición e actividades pensadas para todos os públicos.

A celebración arrinca este xoves, día 20, coa música como protagonista. Dende as 22.00 horas, a Praza de Catro Camiños acollerá os primeiros concertos, entre os que destaca o regreso do grupo monfortino Malenne, que o ano pasado non puido actuar por un problema de voz do seu cantante. Acompañarao Los Limones, formación de pop rock que naceu en 1983 baixo o nome de Los Limones del Caribe.

O venres 21 chegará a segunda edición do 'Ata o Chan Festival', que se celebrará dende as 23.30 horas na Praza do Pavillón Municipal. A cita reunirá a varios nomes destacados da escena electrónica actual: José de las Heras, Pawly, Dumore, Carlos López e Marcos Magán. O acceso será libre para todo o público, aínda que se habilitará un control de entrada para garantir a seguridade do evento.

O sábado 22 chega unha das citas máis emblemáticas do calendario festivo chantadino: o Folión de Carros, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia e Ben de Interese Cultural. O desfile comezará ás 23.00 horas, tras a actuación previa da Banda de Gaitas do Concello de Chantada. Organizado pola Asociación Amigos do Folión xunto co Consistorio, esta edición reunirá 13 carros participantes. Tras o desfile, a Praza de Galicia acollerá a lectura do pregón, que este ano correrá a cargo do escritor Xosé Miranda Ruíz, profesor de Bioloxía no IES Lama das Quendas e recoñecido especialista en mitoloxía popular e literatura de tradición oral, con numerosos premios na súa traxectoria como narrador. A noite continuará coa actuación da orquestra Tango, que animará a Praza de Santa Ana a partir da 01.00 horas.

O domingo 23, a programación terá como eixe central o XXXV Certame de Bandas de Música, que se celebrará na Praza de O Cantón dende as 18:00 horas coa participación da Banda de Música de Chantada, a Banda de Música de Muimenta e a Banda de Música de San Cibrao das Viñas. Xa pola noite, dende as 22.00 horas, as verbenas correrán a cargo da orquestra París de Noia, na zona de Xoán XXIII, e de Los Satélites, na Praza de Santa Ana.

O luns 24 estará dedicado especialmente aos máis pequenos, con xogos tradicionais e unha festa con inchables no Parque Eloísa Rivadulla dende as 17.00 horas. Pola noite subirán ao escenario o Grupo Top Líder e o Combo Dominicano, e ás 00.00 horas lanzaranse os fogos artificiais dende a Praza do Pavillón Municipal.

As festas pecharán o martes 25 de agosto, festivo local, coa tradicional Festa da Empanada no campo de San Lucas. A xornada contará coa ambientación musical do grupo Los Barrios e as charangas Unión Phenosa, Louband e Fanfarria Furruxa; non estará permitido o uso de equipos de música particulares. Para facilitar os desprazamentos, establecerase un servizo de autobuses entre a Praza de Santa Ana e o recinto da celebración, que funcionará de forma continua dende as 11.30 horas ata as 21.00 horas, cun prezo de 3 euros por traxecto. O Concello recomenda facer uso deste servizo e evitar permanecer no campo unha vez finalizado. A xornada, e as festas, pecharán cos concertos da Orquestra Funçao Publika en Xoán XXIII e da Orquestra Charleston Big Band na Praza de Santa Ana.

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, convidou a veciños e visitantes a gozar destes días en familia e a implicarse nas distintas actividades programadas, salientando a importancia de compartir a alegría das festas e de poñer en valor as tradicións, o patrimonio, a paisaxe, a historia e a cultura do municipio. O rexedor animou tamén a coñecer a gastronomía e o viño locais, así como a gozar da compañía dos veciños de Chantada durante estas xornadas.

0.33495903015137