Chantada prepara un intenso programa para celebrar as súas festas patronais

O Concello de Chantada presentou o programa das Festas Patronais na honra á Virxe do Carme, que se celebrarán do 20 ao 25 de agosto cunha programación que combina tradición, cultura, música e propostas de lecer para diferentes públicos.
Entre os actos centrais figuran o Folión de Carros, previsto para o sábado 22 de agosto, o XXXV Certame de Bandas de Música de Chantada e a Festa da Empanada, que poñerá o punto final ás celebracións. A programación complétase con concertos, verbenas, actividades infantís e fogos artificiais.
As festas comezarán o xoves 20 de agosto na Praza de Catro Camiños, onde a partir das 22.00 horas actuarán “Los Limones” e “Malenne”. O concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez Carballo, destacou a recuperación da actuación de Malenne, suspendida o ano pasado, e a incorporación de Los Limones, banda que marcou a escena musical a finais dos anos oitenta e comezos dos noventa.
O venres 21, a partir das 23.30 horas, a contorna do Pavillón Municipal acollerá a segunda edición do “Ata o Chan Festival”, unha cita dedicada á música electrónica e protagonizada por varios DJ. O evento volverá desenvolverse nun recinto pechado e con control de acceso para favorecer a seguridade.
O sábado 22 estará marcado polo Folión de Carros, Festa de Interese Turístico Galego e Ben de Interese Cultural desde 2018. A xornada comezará ás 11.30 horas cun pasarrúas da Agrupación Tradicional da Casa da Música, acompañada de cabezudos. Pola noite, ás 23.00 horas, a Asociación Amigos do Folión, coa colaboración do Concello, organizará o tradicional desfile, que irá precedido pola actuación da Banda de Gaitas do Concello de Chantada.
Ao remate do percorrido, na Praza de Galicia, terá lugar o pregón, que este ano pronunciará o escritor Xosé Miranda Ruíz, antigo profesor de Bioloxía no IES Lama das Quendas de Chantada. A noite continuará desde a 1.00 hora na Praza de Santa Ana coa verbena da Orquestra Tango.
O domingo 23, os actos comezarán ás 11.30 horas cun novo pasarrúas dos gaiteiros Os Barrios e cabezudos. Ás 13.30 horas, a Banda de Música de Muimenta ofrecerá un concerto no Parque Eloísa Rivadulla.
Xa pola tarde, a Praza do Cantón acollerá desde as 18.00 horas o XXXV Certame de Bandas de Música, coa participación das bandas de Chantada, Muimenta e San Cibrao das Viñas. Pola noite haberá dúas verbenas simultáneas: a Orquestra París de Noia actuará en Xoán XXIII e Los Satélites na Praza de Santa Ana, ambas desde as 22.00 horas.
O luns 24 volverá comezar con música tradicional, ás 11.30 horas, co pasarrúas dos gaiteiros Os Barrios. Durante a tarde, o Parque Eloísa Rivadulla converterase nun espazo dedicado ao público infantil, con xogos tradicionais e inchables entre as 17.00 e as 20.00 horas.
A programación nocturna deste día contará co Grupo Top Líder, en Xoán XXIII, e o Combo Dominicano, na Praza de Santa Ana, desde as 22.00 horas. Á medianoite está previsto o lanzamento dos fogos artificiais desde a contorna do Pavillón Municipal.
A última xornada, o martes 25, estará dedicada á tradicional Festa da Empanada no campo de San Lucas. A celebración contará coa música de Os Barrios e das charangas Unión Phenosa, Louband e Fanfarria Furruxa. O programa pecharase pola noite coas actuacións da Orquestra Funçao Publika, en Xoán XXIII, e da Orquestra Charleston Big Band, na Praza de Santa Ana.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, animou á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nas actividades e agradeceu o traballo de todas as persoas implicadas na organización. O rexedor destacou o carácter social, cultural e festivo dunha programación pensada para compartir as celebracións en familia e con amizades.
O cartel desta edición leva a sinatura do artista local Jon González, coñecido como JonGo Art. A proposta gráfica emprega unha estética próxima ao cómic para representar a vitalidade das festas e diferentes elementos vinculados ás tradicións, ao patrimonio e á identidade cultural de Chantada.