Chantada reunirá en agosto á selección de Indonesia e a dous equipos da elite española no I Torneo Terras do Asma

O Parrulo Ferrol e Palma Futsal medirán as súas forzas co combinado asiático nunha cita impulsada polo seleccionador indonesio, o chantadino Héctor Souto
torneo-futbol-sala-indonesia-chantada
15 Jul 2026

Chantada converterase durante o mes de agosto nun punto de encontro do fútbol sala internacional coa celebración do I Torneo Terras do Asma, unha competición que levará ao Pavillón Municipal á selección nacional de Indonesia e a dous dos principais equipos do panorama español.

O torneo, organizado pola SD Chantada coa colaboración do Concello, disputarase os días 14 e 18 de agosto e nace da iniciativa de Héctor Souto, natural de Chantada e seleccionador nacional de fútbol sala de Indonesia desde 2021, etapa na que levou ao combinado asiático a conquistar importantes títulos e a consolidarse como unha das referencias da modalidade no sueste asiático.

A presentación oficial do evento celebrouse este martes na adega Vía Romana, coa participación do propio Souto; a presidenta da SD Chantada, Sabrina Rodríguez; o presidente de Palma Futsal, José Tirado; o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Otero Méndez; o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto; e o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

O calendario da competición abrirase o 14 de agosto, cando a selección de Indonesia se enfrontará a O Parrulo Ferrol. A segunda xornada disputarase o 18 de agosto, cun duelo entre o combinado asiático e Palma Futsal, actual subcampión da UEFA Champions League e campión da máxima competición continental en tres ocasións, ademais de gañador doutros tres títulos da Copa Intercontinental.

Durante a presentación, Héctor Souto destacou o nivel dos equipos participantes e a oportunidade que supón para a vila. “É un feito extraordinario que xogadores da selección de Brasil vaian estar aquí uns días”, sinalou o técnico, en referencia á presenza de internacionais brasileiros nas filas de Palma Futsal.

Souto explicou que esta visita forma parte da preparación da selección indonesia para os seus próximos compromisos internacionais. Tras dominar o fútbol sala do sueste asiático, o combinado busca agora competir fronte a rivais de primeiro nivel antes da clasificatoria para o Mundial e do Torneo das Seis Nacións que se celebrará en outubro en Brasil.

“España é liga referente de fútbol sala a nivel mundial. Queriamos competir tamén fóra de Asia e o Torneo de Chantada convértese así na primeira competición da selección. Será un fito histórico para Chantada e para nós”, afirmou.

O seleccionador tamén recoñeceu a satisfacción que lle produce organizar este evento na súa vila natal. “Para min é un orgullo e unha presión porque quero que todo saia ben. Vou xuntar a miña familia deportiva coa miña familia e veciños, dous mundos totalmente diferentes. Faime especial ilusión que xogadores e staff poidan ver de onde son, unha vila acolledora e familiar na que podes ir caminando a calquera sitio, sen polución e pouco tráfico,… Vai a impactar en xente que vén de grandes urbes como pode ser Yakarta e a área metropolitana”, manifestou.

Desde a organización agradeceron a colaboración do Concello de Chantada para facer realidade o torneo. Pola súa banda, a Concellería de Deportes considera que a competición servirá para reforzar a proxección exterior do municipio e consolidar a súa actividade deportiva.

O alcalde, Manuel Lorenzo Varela, mostrou a súa confianza no éxito da cita e destacou que contribuirá a dinamizar a vila nos días previos ás festas patronais. “Teremos dous días de competición deportiva de alto nivel e con moita xente seguidora deste deporte, ademais durante 10 días a expedición indonesia formada por máis dunha vintena de persoas traerá exotismo á vila e esperamos que se leven unha boa impresión do noso municipio”, afirmou o rexedor, que tamén felicitou á SD Chantada e a Héctor Souto polo traballo realizado para facer posible este torneo.

0.27462601661682