Chegan a Arcade máis de 200.000 ostras planas autóctonas para restauración biolóxica

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou xunto ao director do Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA), Carlos Gabín Sánchez, e os responsables da Confraría de Pescadores de Arcade na entrega e colocación de 201.600 unidades de semente de ostra plana europea (Ostrea edulis). A actividade de restauración biolóxica (preengorde , engorde e desove) para a formación de bancos naturais supón un fito loxístico e científico que tivo como escenario o río Alvedosas, unha zona catalogada historicamente pola súa alta produtividade e excelencia para este bivalvo autóctono.
A semente subministrada, de 3 milímetros de talla media, cumpriu un circuíto de investigación e coidado biolóxico de vangarda. Os exemplares reprodutores adultos orixinais de Arcade foron trasladados inicialmente ao laboratorio do Centro de Cultivos Mariños do CIMA en Ribadeo para inducir a súa posta nun ambiente estéril e controlado, libre do parasito da bonamiose que extinguiu o recurso nas últimas décadas do século XX. Tras estabilizarse e acadar o tamaño óptimo no criadeiro de Lugo, os lotes de semente regresaron á ría de Vigo para ser confinados polo colectivo de mariscadoras a pé en liñas de cultivo (long lines) e cestos de plástico intermareais.
A titular de Mar puxo en valor a metodoloxía do proxecto Ostreares (2024-2027), unha estratexia dotada cun investimento de máis de 192.000 euros no marco da rede Redemar que une o coñecemento dos científicos de Galicia coa custodia diaria dos pósitos. A estabulación e preengorde en cestas suspendidas na columna de auga optimiza o crecemento do marisco ao garantir unha oxixenación e alimentación constantes mediante fitoplancto, ao tempo que protexe as crías dos depredadores do fondo.
O sistema tamén permite facer fronte ao actual desafío ambiental e ás drásticas baixadas de salinidade polas choivas intensas do inverno, que obrigan ao persoal do CIMA a monitorizar as praias de continuo con sensores de temperatura para reiniciar os ciclos produtivos cando fose preciso.
Esta nova acción de vangarda apoia de xeito directo a folla de ruta estruturada entre a Consellería do Mar e a Confraría de Arcade a través do convenio bilateral de restauración marisqueira asinado o pasado 26 de xuño. Dito acordo, cun orzamento específico de 342.945,46 euros cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), garante a protección social e económica das 47 mariscadoras a pé do pósito cunha compensación de ata 700 euros ao mes polas tarefas de coidado e vixilancia activa das zonas produtivas.
A conselleira do Mar acompañou ás mariscadoras que están a desenvolver as tarefas de rexeneración no marco desta alianza estratéxica, enmarcada no plan extraordinario de case 23 M€ do Goberno galego, que alcanza a un total de 10 bancos marisqueiros locais na Enseada de San Simón —desde a caseta do Ceboleiro ata a pedra dos Caralletes— onde, ademais do semicultivo de ostra plana, se executarán sementeiras de máis de 800.000 ameixas, labores de rareo e traslados selectivos, así coma tarefas intensivas de retirada e control de depredadores.