Chegan a Galicia os nenos saharauís do programa Vacacións en Paz

Arredor de 280 menores pasarán o verán con familias acolledoras a través da asociación Sogaps
chegada-nenos-saharauis-santiagpo
7 Jul 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, recibiu a pasada noite no aeroporto de Peinador un grupo de nenos saharauís que pasarán o verán en Galicia no marco do programa Vacacións en Paz.

Esta iniciativa, promovida pola ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps), permitirá nesta ocasión a arredor de 280 menores que viven nos campamentos de refuxiados desfrutar dunha experiencia de ocio, humana e cultural ao coidado das familias acolledoras galegas. Galicia será este verán a comunidade que máis nenos reciba.

A Xunta achega 100.000 euros a este programa para colaborar no traslado destes nenos a Galicia a través de axudas para a cooperación. Ao respecto, a conselleira destacou que a colaboración do Goberno autonómico coa asociación Sogaps facilitou que nos últimos 35 anos viñeran preto de 8.000 nenos que foron acollidos por máis de 7.000 familias galegas. Galicia, lembrou Fabiola García, é a segunda comunidade con máis menores saharauís acollidos.

0.33006501197815