CIG e ADEGA amplían ante a Fiscalía do Supremo a denuncia polos cambios de reparto de procedementos no TSXG

A Confederación Intersindical Galega (CIG) e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) remitiron un escrito á Fiscalía do Tribunal Supremo para ampliar a denuncia presentada contra a presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) polo traslado de procedementos xudiciais relacionados con liñas de alta tensión da Sección Terceira á Sección Segunda do alto tribunal galego.
Segundo explican ambas organizacións, este cambio de sección realizouse contravindo as normas vixentes de reparto de competencias e vulnerando, ao seu xuízo, o dereito ao xuíz ou xuíza predeterminado pola lei, así como o dereito á tutela xudicial efectiva. Sosteñen ademais que estes traslados responderían a peticións formuladas anteriormente pola Xunta de Galicia.
A ampliación da denuncia prodúcese despois de que a Fiscalía Superior de Galicia abrise dilixencias de investigación preprocesuais a raíz das denuncias presentadas por unha vintena de colectivos integrados na Coordinadora Eólica Así Non. Porén, ao tratarse de persoas aforadas ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo, a Fiscalía galega trasladou a documentación e as actuacións á Fiscalía do Alto Tribunal, que será a encargada de continuar coa investigación.
CIG e ADEGA argumentan agora que a presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG pretende ampliar estes cambios de reparto non só aos procedementos vinculados ás liñas de alta tensión, senón tamén aos litixios relacionados coas autorizacións administrativas e de construción de parques eólicos, que até o momento eran competencia da Sección Terceira, especializada en asuntos industriais.
Para sustentar esta afirmación, as organizacións sinalan diversas resolucións que acordaron o traslado dos procedementos relativos aos proxectos eólicos Monte Toural, O Cerqueiral, Chao do Marco, Cunca, Carballal e Patiñeiro. Tamén engaden que tiveron coñecemento, a través de informacións publicadas na prensa, do traslado do procedemento correspondente ao proxecto eólico Orballeira.
Segundo recollen no escrito remitido á Fiscalía do Supremo, todas estas decisións vulnerarían as normas de reparto aprobadas polo TSXG no ano 2023, en virtude das cales as impugnacións de autorizacións administrativas de parques eólicos e instalacións de transporte de enerxía eran competencia da Sección Terceira.
A denuncia destaca ademais que estas resolucións contradín de maneira “radical” a postura mantida previamente pola propia Sección Terceira, que rexeitara peticións similares formuladas pola Xunta de Galicia e por empresas do sector ao considerar que podían incorrer en fraude procesual.
As dúas entidades consideran necesario que o Ministerio Fiscal investigue se detrás desta alteración das normas de reparto existen motivacións alleas aos criterios xurídicos e relacionadas coa pretensión de apartar determinados maxistrados e maxistradas dos procedementos xudiciais sobre proxectos eólicos e infraestruturas de transporte eléctrico. Neste sentido, lembran que estes cambios se produciron paralelamente ao traslado de membros da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo.
Finalmente, CIG e ADEGA recordan que tamén presentaron escritos de queixa ante a Presidencia do TSXG e ante o Consello Xeral do Poder Xudicial, sen que ata o momento recibisen resposta por parte de ningún destes órganos.