CIG-Saúde amplía a folga na Atención Primaria aos días 27 e 28 de novembro

CIG-Saúde confirmou que manterá a convocatoria de folga e mobilizacións prevista para o 26 de novembro, conxuntamente coas organizacións sindicais da Mesa Sectorial, e que ampliará o paro tamén aos días 27 e 28. A decisión chega tras consultar a súa afiliación e nun momento que o sindicato considera “decisivo” para o futuro da Atención Primaria en Galicia.
A central sindical defende que son necesarios tres días de folga para expresar o malestar do persoal coa situación actual do sistema e para esixir á Consellería de Sanidade a adopción de medidas concretas, planificadas e eficaces que demostren un compromiso político real cunha Atención Primaria digna, tanto no presente como no futuro.
Ademais, CIG-Saúde chama todas as traballadoras e traballadores a participar activamente nas mobilizacións e nos tres días de paro. A programación reivindicativa prevista inclúe:
- 18, 19 e 20 de novembro: concentracións de 15 minutos diante dos centros de saúde e PAC ás 11:00 e ás 18:00.
- 19 de novembro: concentración ás 11:00 diante do SERGAS en Santiago.
- 26 de novembro: folga e manifestación ás 11:00 diante do SERGAS.
- 27 e 28 de novembro: folga.
Avances mínimos na reunión co SERGAS
Na segunda reunión do comité de folga, integrado por CIG-Saúde, CSIF, CCOO e UGT, o SERGAS presentou unha proposta que o sindicato cualifica de insuficiente. “A administración vende como avance o que non é máis que un movemento mínimo”, denuncian, ao tempo que critican que se evite afrontar os puntos centrais que motivaron a folga.
Entre as medidas anunciadas polo SERGAS están:
- Consolidación do transporte para atención domiciliaria.
- Retribución ao persoal dos PAC polas prolongacións de xornada en atención ordinaria, segundo o modelo aplicado.
- Redución do tramo incentivado de xornada complementaria en PAC, de 160 a 140 horas.
- Equiparación do valor da xornada complementaria das enfermeiras e enfermeiros de PAC coa atención ordinaria.
- Incremento do complemento de manutención dos PAC.
Porén, as organizacións sindicais consideran estes movementos totalmente insuficientes e lembran que continúan sen unha proposta concreta sobre os puntos clave, entre eles a situación das prazas FEAP, que segue sen unha solución clara.
A próxima reunión, prevista para o venres 21, abordará a xornada dos PAC. As centrais xa advertiron que non aceptarán “máis trampas” e que o debate debe centrarse nos criterios de cómputo, non en obrigar ao persoal a perder horas ou regalar tempo de traballo. “Non imos permitir que se nos roube dereitos nin tempo de vida”, conclúen.