CIG-Saúde critica a eliminación do galego nos menús hospitalarios

O sistema de elección nos hospitais da Coruña, Ourense e Pontevedra non lle permiten ás persoas ingresadas realizar este trámite na lingua propia de Galicia
A CORUÑA chuac comedor
20 Nov 2026

A CIG-Saúde denuncia que no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), nos hospitais de Ourense e nos de Pontevedra non se permite escoller os menús en galego, malia tratarse de centros públicos dependentes dunha Administración obrigada a garantir os dereitos lingüísticos das persoas usuarias.

Os sistemas de elección dos menús hospitalarios non permiten ás persoas ingresadas realizar este trámite en galego. O sindicato considera inadmisíbel que a propia Administración sanitaria, que ten a obriga de garantir e promover o uso da lingua propia de Galiza, permita a súa exclusión dun servizo básico da hospitalización.

No Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), unha actualización informática eliminou o galego das pantallas multimedia das habitacións, que até ese momento ofrecían catro idiomas. Agora mantéñense o castelán, o inglés e o francés, pero desaparece a lingua propia de Galiza. Estas pantallas son tamén a ferramenta que utilizan as persoas con dieta ordinaria para seleccionar a comida do día seguinte.

Nos hospitais de Ourense, as aplicacións de elección dos menús tampouco ofrecen a opción en galego, mentres que nos hospitais de Pontevedra os formularios que se entregan ás persoas hospitalizadas están redactados exclusivamente en castelán.

A CIG-Saúde considera especialmente grave que estas barreiras se impoñan a persoas enfermas, moitas delas maiores, para as que o galego é a lingua habitual e, nalgúns casos, a única que utilizan con soltura. “Nun momento de vulnerabilidade, a Administración debería facilitar a comunicación, non obrigar as persoas doentes a adaptarse a unha lingua distinta da súa”, critican.

Dereitos lingüísticos

O sindicato lembra que a Lei de normalización lingüística recoñece o dereito a utilizar o galego nas relacións coa Administración e estabelece a responsabilidade dos poderes públicos de promover o seu uso. “Non é aceptábel que unha actualización informática elimine unha opción que xa existía, como acontece no CHUAC, nin que se implanten procedementos que ignoren a realidade lingüística das persoas usuarias”.

Salienta a CIG-Saúde que a responsabilidade corresponde ao SERGAS e ás xerencias das áreas sanitarias, independentemente de que a xestión destes sistemas estea encomendada a empresas externas. E censura que a Administración fale de humanización da asistencia mentres “desatende aspectos tan básicos como a lingua na que as persoas ingresadas reciben información e realizan os seus trámites”.

Ante esta situación, CIG-Saúde presentará unha denuncia no departamento de normalización lingüística e esixe ao SERGAS a corrección inmediata destas deficiencias, coa restitución do galego no CHUAC e a súa incorporación aos sistemas dos hospitais de Ourense e Pontevedra.

O sindicato reclama, ademais, que se garanta o respecto aos dereitos lingüísticos en todas as ferramentas e comunicacións dirixidas ás persoas hospitalizadas.

A defensa do galego na sanidade pública non pode quedar reducida a declaracións institucionais. O SERGAS debe demostrar o seu compromiso con medidas concretas e garantir que ningunha persoa teña que renunciar á súa lingua para recibir atención nun hospital público de Galiza.

2.4206161499023