CIG- Saúde denuncia saturación de novo en Urxencias do CHUS

A CIG-Saúde de Compostela-As Rías denuncia unha nova saturación nas Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), o que provocou que o servizo se vise desbordado na quenda de tarde de onte. A falta de cadeiras de rodas e padiolas provocou bloqueos na entrada de Urxencias con ambulancias, familiares e pacientes esperando cerca dunha hora para poder dispoñer dunha.
Dende a central sindical lembran que se trata dun servizo “que xa cronificou unha asistencia masiva cunha media próxima as 500 entradas diarias”. Ao que hai que engadir a falta de estabilidade nas cadros de persoal e o desmantelamento dunha Atención Primaria “que co aumento poboacional vese máis resentida na época estival, xunto coa carencia de camas na área sanitaria e os peches de camas que se fan todos os veráns por parte da Xerencia”.
Todo isto provocou que este pasado luns se vivise outro episodio de colapso no servizo, con pacientes esperando no corredor preto dunha hora para ser colocados nunha padiola e ser atendidos; con até 45 minutos de espera para triaxe; e con agardas de máis de media hora por unha cadeira de rodas, “bloqueando incluso ambulancias que chegaban cos pacientes e non dispoñían de ningunha”.
Para a CIG-Saúde resulta “incomprensíbel” que un complexo hospitalario como o de Santiago non dispoña de cadeiras de rodas suficiente para facilitar o acceso das persoas con falta de mobilidade e se bloquee o uso das ambulancias por esta carencia “inxustificada”. Polo que lle exixe á Xerencia as medidas urxentes oportunas e a planificación necesaria, “xunto coa xestión axeitada de recursos para impedir que estas situacións se sigan a producir na área sanitaria”.