CIG-Saúde esíxelle ao Sergas explicacións sobre a nova Unidade de Apoio á Atención Primaria

A CIG-Saúde vén de rexistrar un escrito dirixido á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas para reclamarlle información completa e a convocatoria urxente da Mesa Sectorial ante a posta en marcha da denominada “Unidade de Apoio á Atención Primaria”, da que a central sindical ten coñecemento exclusivamente a través dos medios de comunicación.
Para a CIG-Saúde resulta especialmente grave que o Sergas continúe impulsando cambios organizativos de grande relevancia na sanidade pública galega sen negociación previa coa representación legal das persoas traballadoras, "vulnerando os principios básicos de negociación colectiva e de participación sindical".
A organización sindical lembra que a creación dunha nova unidade ou dispositivo asistencial, así como a definición das súas condicións organizativas e laborais, "é unha materia que debe ser negociada obrigatoriamente no ámbito da Mesa Sectorial".
No escrito presentado, a CIG-Saúde solicita información detallada sobre o número de profesionais previstos, as categorías profesionais, o tipo de vinculación e contratación, a dependencia funcional da unidade, a súa localización, as condicións laborais e, especialmente, as funcións e actividades concretas que van desenvolver as e os profesionais adscritos a este dispositivo.
Do mesmo xeito, a central sindical demanda coñecer cal vai ser a relación desta unidade cos centros de saúde e coas xerencias de Atención Primaria, así como a súa carteira de servizos e o alcance real das actuacións que pretende asumir.
A CIG-Saúde denuncia a política de feitos consumados da Consellaría de Sanidade e advirte de que "non se pode normalizar a creación de estruturas asistenciais paralelas sen transparencia, sen planificación coñecida e sen diálogo coa representación das persoas traballadoras".
Por este motivo, esixe a convocatoria inmediata da Mesa Sectorial para abordar a negociación desta nova unidade e das condicións laborais do persoal que sexa adscrito á mesma.