Cinco artistas homenaxearán a Castelao en Santiago nun encontro sobre o centenario de ‘Cousas’

A Fundación Castelao, coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, organiza o vindeiro luns 9 de novembro a xornada «A nobre arte de facer Cousas. Castelao cen anos despois», un encontro no que cinco artistas de diferentes ámbitos da cultura galega compartirán as obras coas que renderon homenaxe ao intelectual rianxeiro durante o Ano Castelao 2025.
A actividade desenvolverase entre as 17.30 e as 19.30 horas no salón de actos do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, actual emprazamento da antiga Escola de Artes e Oficios na que estudou Daniel Castelao. A iniciativa pretende unir o recoñecemento ao traballo realizado por centos de entidades e artistas para reivindicar a súa figura como creador e a celebración do centenario da publicación dunha das súas obras máis emblemáticas, Cousas, editada na Coruña en 1926.
O encontro reunirá a Alba Pardo, Miguel Pérez Ramudo, Paula Carballeira, Inacio Vilariño e Uxía, que participarán nunha conversa de máis dunha hora, conducida pola poeta Lucía Aldao e apoiada por material audiovisual. Os convidados falarán dos seus procesos creativos e da influencia que Castelao tivo e segue tendo no seu traballo artístico.
A xornada comezará coa benvida institucional do presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, e do secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, así como co saúdo do vicedirector do IES Rosalía de Castro, Javier Turnes, centro que colabora coa iniciativa cedendo as instalacións e os medios técnicos.
No encontro, Alba Pardo presentará a exposición Castelao na EMAO, proxecto que comisariou xunto a Rosa García en 2025 e no que participaron diferentes especialidades da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Pola súa banda, o ilustrador Miguel Pérez Ramudo dará a coñecer o álbum ilustrado Castelao en Pontevedra (1916-1936).
A dramaturga Paula Carballeira achegará o texto Daniel no Peirao, pertencente á obra Castelao no Peirao, mentres que Inacio Vilariño, da compañía Fantoches Baj, presentará o seu traballo teatral Castelao. Un corazón á intemperie. A achega musical correrá a cargo de Uxía, que interpretará a peza A Castelao.
A xornada rematará cunha mostra de teatro de obxectos a cargo de Inacio Vilariño, arredor de Castelao. Un corazón á intemperie, e cunha actuación musical de Uxía.
A entrada será gratuíta ata completar o aforo.