Cinco chefs galegos súmanse a Momentos Alhambra Acustiquísimos 2025, que esgota tres dos seus catro concertos

O ciclo acústico en espazos singulares, organizado por Art Music co patrocinio de Cervezas Alhambra, incorpora por terceiro ano a gastronomía con tapas de autor a cargo de Manel Rial, Luis Veira, Josiño Martínez e os irmáns Guillermo e Diego Centeno. Do 15 ao 29 de novembro haberá concertos de Marlena (Vigo), Christina Rosenvinge (A Coruña), Zahara (Compostela) e La Habitación Roja (Lugo), con as últimas entradas dispoñibles só para Lugo.
Marlena
23 Oct 2025

Os chefs Manel Rial (Ristorante Il Popolo), Luis Veira (Árbore da Veira), José Manuel “Josiño” Martínez (Gastroteca Salvaxe) e os irmáns Guillermo e Diego Centeno (Vértigo) súmanse este 2025 ao cartel de Momentos Alhambra Acustiquísimos para preparar os aperitivos de autor que se degustarán en cada concerto do ciclo. A proposta, organizada por Art Music co patrocinio de Cervezas Alhambra, integra por terceiro ano consecutivo a gastronomía nas súas experiencias musicais.

A oitava edición de Acustiquísimos celebrarase entre o 15 e o 29 de novembro, con catro proxectos referenciais que marcaron a última década:

Marlena · Vigo · Sáb. 15 de novembro, 21.30 h · Hall do Teatro Afundación · Tapas de autor: Manel Rial (Ristorante Il Popolo, Cangas).

Christina Rosenvinge (dúo acústico) · A Coruña · Ven. 21 de novembro, 21.30 h · Salón Atlántico de Árbore da Veira · Tapas de autor: Luis Veira.

Zahara · Santiago de Compostela · Sáb. 22 de novembro, 21.30 h · Patio de Cristal de San Francisco Hotel Monumento · Tapas de autor: Josiño Martínez (Gastroteca Salvaxe).

La Habitación Roja (formato dúo) · Lugo · Sáb. 29 de novembro, 21.30 h · Círculo das Artes · Tapas de autor: Guillermo e Diego Centeno (Vértigo, Doade).

O ciclo colgou o cartel de “sold out” en tres dos catro directos (Marlena, Zahara e Christina Rosenvinge). As últimas entradas dispoñibles correspóndense co concerto de La Habitación Roja en Lugo, á venda en Ataquilla.com.

Os Chefs Alhambra 2025

Manel Rial (Aldán, Cangas do Morrazo), formado na ESH de Santiago, medrou entre os fogóns familiares e lidera hoxe o Ristorante Il Popolo.

Luis Veira (A Coruña, 1978), cociñeiro con Estrela Michelin desde 2010, dirixe Árbore da Veira, proxecto co que consolidou unha cociña de autor en constante evolución.

José Manuel “Josiño” Martínez (Tordoia, 1991) representa a nova cociña galega de mercado en Gastroteca Salvaxe (Santiago), baseada en produto local e de tempada.

Guillermo e Diego Centeno, dous irmáns formados nos negocios familiares que imprimen frescura e innovación en Vértigo (Doade, Lugo).

Desde 2018, Acustiquísimos ofrece concertos íntimos en espazos singulares con artistas destacados da escena estatal (Rayden, DePedro, La Bien Querida, Fuel Fandango, Nena Daconte, Elefantes, Marwán, entre outros). O patrocinio de Cervezas Alhambra, no seu centenario, reafirma o compromiso con experiencias únicas que convidan a gozar sen presa.

⚙ Configurar cookies
0.27224707603455