Cinema Miúdo abre en Ames catro días de cine, ciencia e obradoiros para toda a familia

O Festival Internacional de Cinema Infantil de Ames iniciou este xoves, 12 de novembro, a súa novena edición cunha programación que se prolongará ata o domingo 15 na Casa da Cultura de Bertamiráns. Baixo o lema O poder da ciencia, o certame reúne máis de 70 curtametraxes de diferentes países, ademais de obradoiros, sesións especiais, unha longametraxe de animación e espectáculos de apertura e clausura.
A programación está dirixida ao público infantil e familiar e inclúe dúas categorías na selección oficial, organizadas segundo a idade recomendada. A sección Axóuxeres está pensada para nenos e nenas a partir dos dous anos, mentres que Buxainas está destinada a maiores de sete. As curtametraxes abordan temáticas diversas, como a amizade, a natureza, a convivencia, o humor e as aventuras.
As películas competirán polos premios do xurado profesional e do público, que estará formado polos propios espectadores máis pequenos. Estes poderán elixir as súas favoritas mediante un aplausómetro que medirá a intensidade dos aplausos ao remate de cada proxección.
A proposta complétase con dous obradoiros participativos relacionados coa ciencia e a imaxe, dúas sesións especiais dedicadas á historia do cinema fantástico e de ciencia ficción e a proxección dunha longametraxe de animación.
A inauguración oficial terá lugar este venres 13, ás 17.00 horas, co espectáculo Alquimista, de Cristina Collazo, actriz e titiriteira. A protagonista é Flora, unha antiga aprendiz de Merlín que experimenta coa chamada Alquimia Moderna entre plantas, libros e mesturas sorprendentes. A actuación estará acompañada pola proxección do primeiro bloque de curtametraxes da categoría Axóuxeres.
A ciencia tamén terá un papel destacado nas actividades do sábado e do domingo. O día 14, ás 10.30 horas, celebrarase o obradoiro A ciencia detrás do cine: luces, imaxes e reaccións sorprendentes, dirixido a nenos e nenas de entre seis e doce anos. A través de diferentes experimentos, os participantes descubrirán as ilusións ópticas, a cámara escura e as reaccións químicas relacionadas coa orixe da fotografía e do cinema.
O domingo, tamén ás 10.30 horas, desenvolverase Xogando coa cianotipia, unha actividade aberta a todas as idades que permitirá descubrir esta técnica fotográfica que se pode reproducir na casa sen necesidade dunha cámara.
As sesións especiais Experimentos de cinema ofrecerán dúas viaxes pola historia da ciencia ficción e da animación. O sábado, ás 17.00 horas, proxectaranse diferentes clásicos de Méliès, Mickey Mouse e Wallace e Gromit, mentres que o domingo, ás 13.00 horas, a proposta combinará ciencia e animación nunha viaxe espacial protagonizada por inventores, un repartidor intergaláctico e unha pequena araña que soña con chegar á Lúa.
Outra das citas destacadas será a proxección de Arco, a longametraxe de animación dirixida por Ugo Bienvenu e ambientada no ano 2075. A película conta a historia de Iris, unha nena que coñece a Arco, un rapaz procedente dun futuro afastado que ten a capacidade de viaxar no tempo. A produción recibiu o Cristal ao mellor filme de animación no Festival de Annecy de 2025. A proxección terá lugar o sábado 14, ás 19.30 horas.
O festival pechará a súa novena edición o domingo 15, ás 18.00 horas, co espectáculo Luces, cámara... reacción!, conducido por Rony Flamingo, nome artístico de Carlos Godoy, actor e divulgador científico que dirixe a compañía Roto e Descosida, especializada en teatro científico para público familiar. Ao remate celebrarase a entrega dos premios das categorías Axóuxeres e Buxainas, tanto do xurado profesional como do público, e proxectaranse as curtametraxes gañadoras.
O acceso ás proxeccións realizarase mediante un abono único de tres euros, dispoñible na billeteira en liña do Concello de Ames. Pola súa banda, a participación nos obradoiros é gratuíta, pero require inscrición previa a través do correo actividades@cinemamiudo.gal, indicando o nome da actividade, o da persoa participante e un teléfono de contacto.
O Festival Internacional de Cinema Infantil Cinema Miúdo é unha iniciativa anual do Concello de Ames que busca achegar a sétima arte aos máis pequenos e ao público familiar, promover a educación audiovisual e fomentar o pensamento crítico. O certame permite tamén que os nenos e nenas participen activamente como xurado e se acheguen á creación cinematográfica. Na pasada edición, o festival reuniu máis de 2.000 asistentes.