Cineuropa aposta esta fin de semana polo novo cinema europeo e as propostas galegas

A carteleira dos próximos días inclúe tamén presentacións de películas e actividades paralelas que amplían a oferta do festival
festival-cine-santiago
13 Nov 2026

Cineuropa achégase ao ecuador da súa 40ª edición cunha programación que reúne filmes recoñecidos nos festivais de Cannes e Venecia, traballos de novos realizadores europeos e latinoamericanos e unha destacada presenza do audiovisual galego. A carteleira dos próximos días inclúe tamén presentacións de películas e actividades paralelas que amplían a oferta do festival.

Entre os títulos internacionais máis destacados figura The Loneliest Man in Town, de Tizza Covi e Rainer Frimmel, que se proxectará o venres. A película, de ton melancólico e próxima ao universo de Aki Kaurismäki, segue a un músico de jazz afeccionado que vive en Viena e soña con viaxar aos Estados Unidos. Na mesma xornada poderá verse Coward, o novo traballo de Lukas Dhont, unha historia bélica con dimensión queer que recibiu en Cannes o premio ás interpretacións do seu elenco. A programación completarase con Lejos de los árboles, de Meritxell Colell, que acudirá á sala para presentar o filme.

O sábado chegará Woman Unknown, de May el-Toukhy, gañadora do León de Ouro e do premio á mellor actriz no Festival de Venecia. Tamén se proxectará Butterfly Jam, unha proposta que dialoga co universo de Malas calles, de Martin Scorsese, e co cinema de James Gray. Entre as sesións dedicadas a novos realizadores no Salón Teatro destaca Jupiter, un thriller francés ambientado nunha crise internacional marcada pola tensión nuclear. A esta proxección súmase Seis meses en el edificio rosa con azul, un filme mexicano sobre a infancia durante a crise da sida que foi recoñecido na Semana da Crítica de Cannes pola súa especial sensibilidade.

Tamén o sábado, NUMAX acollerá a proxección de Camionero, do arxentino Francisco Marise, que contará coa presentación do seu guionista, o cineasta Javier Rebollo.

A programación do domingo estará marcada por Karma, de Guillaume Canet, un drama arredor dunha comunidade relixiosa protagonizado por Marion Cotillard, Denis Ménochet, Leonardo Sbaraglia e Luis Zahera. A xornada incluirá tamén Chronovisor, de Jack Auen e Kevin Walker, unha proposta fantástica que explora os límites entre a historia, a ciencia e o ocultismo, así como o último pase de Fatherland, do recoñecido director Paweł Pawlikowski.

O cinema galego terá un papel destacado na fin de semana con dúas propostas. O domingo 15 será a quenda de Adiós, ríos, a primeira longametraxe de Sebastián Uría, que retrata a resistencia dos últimos habitantes dunha aldea dos Ancares fronte á despoboación e o illamento. A película proxectarase ás 18.15 horas no Salón Teatro e contará coa presentación do equipo.

Pola súa banda, Crías, de Xiana do Teixeiro, poderá verse o venres 13, ás 19.30 horas, en NUMAX, coa presenza da cineasta. O documental recupera os diarios de adolescencia de centos de mulleres para reivindicar o valor dunha escrita íntima historicamente marxinada. A película pon en común estas experiencias e reflexiona sobre a memoria, a autocensura e a construción dunha voz colectiva.

A participación de Xiana do Teixeiro estenderase tamén a unha actividade paralela. O sábado 14, ás 11.30 horas, a sala de exposicións do Auditorio de Galicia acollerá As nenas escribimos diarios, un club de diaristas que convida as participantes a ler, conversar e escribir a partir dos diarios de adolescencia, tanto propios como doutras mulleres. A iniciativa está vinculada coa exposición Facer aparecer. Ensaios colectivos dun nosoutras, que poderá visitarse no Auditorio de Galicia ata febreiro.

As proxeccións e actividades desta edición desenvolveranse no Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX e a Zona C. As entradas e os bonos están dispoñibles desde o mércores 4 de novembro no despacho de billetes da Zona C e na web compostelacultura.gal.

1.9084930419922