Cineuropa celebra os seus 40 anos cunha selección dos grandes festivais internacionais

Cineuropa celebrará do 6 ao 22 de novembro a súa 40ª edición cunha programación de máis de 150 películas que reúne algúns dos títulos máis destacados da tempada, premiados nos principais festivais internacionais, novos traballos de cineastas fundamentais do cinema contemporáneo e unha ampla representación do audiovisual galego, con varias estreas en Galicia. Durante 17 días, o festival compostelán ofrecerá unha selección que combina grandes nomes da creación autoral, novas voces do cinema internacional, obras que dialogan co presente e propostas que recuperan a memoria histórica.
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; o director da 40ª edición de Cineuropa, José Luis Losa, e a deseñadora de Costa.io, Patricia Portela, presentaron os principais detalles da programación e reivindicaron a memoria e a diversidade de olladas que caracterizan o festival.
Louzao destacou que, ao longo destas catro décadas, Cineuropa mantivo a vontade de descubrir outras historias, cinematografías e formas de mirar o mundo. Pola súa banda, Losa puxo en valor a selección do Panorama Audiovisual Galego, que inclúe longametraxes que se proxectarán por primeira vez en Galicia e algunhas que mesmo terán a súa estrea internacional. O director tamén salientou a presenza galega na sección competitiva, tanto cunha produción propia como cunha coprodución.
A nova identidade visual do festival, deseñada por Patricia Portela, busca situar o público no centro dunha cita que, segundo destacou, pertence á cidade e á súa xente.
O palmarés dos grandes festivais e os novos filmes de autores fundamentais
As seccións oficiais europea e internacional ofrecerán unha ampla representación das películas premiadas no último Festival de Cannes. Entre os títulos seleccionados están Fjord, de Cristian Mungiu; Minotauro, de Andrey Zvyagintsev; Fatherland, de Pawel Pawlikowski; All of a Sudden, de Ryusuke Hamaguchi; Coward, de Lukas Dhont, e Notre Salut, de Emmanuel Marre. A selección complétase con Moulin, de László Nemes; Nagi Notes, de Koji Fukada, e Teenage Sex and Death at Camp Miasma, de Jane Schoenbrun.
Cineuropa incorporará tamén títulos destacados da Berlinale, como Yellow Letters, gañadora do Oso de Ouro; Everybody Digs Bill Evans, recoñecida co Oso de Prata á mellor dirección, e Rose, pola que Sandra Hüller recibiu o Oso de Prata á interpretación.
O programa inclúe ademais películas de cineastas cunha longa relación coa historia do festival. O británico Mike Leigh presentará Tender Loving Care, galardoada coa Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián e anunciada como a súa despedida do cinema. Tamén estará presente o italiano Nanni Moretti con Mañana sucederá, presentada na Mostra de Venecia.
A gañadora do León de Ouro veneciano, Woman Unknown, da directora danesa May el-Toukhy, e Josephine, de Beth de Araújo, triunfadora en Sundance, serán outras das propostas destacadas desta edición. A película inaugural será Nina Roza, da cineasta canadense Geneviève Dulude-De Celles, recoñecida co premio ao mellor guión na Berlinale.
O cinema galego, protagonista con estreas en Galicia
A creación audiovisual galega ocupará un lugar destacado na programación de Cineuropa 40, que ofrecerá as estreas en Galicia de catro longametraxes: Tralovento, de Eloy Domínguez Serén; Todo es cárcel, de Eloy Enciso; Adiós, ríos, de Sebastián Uría, e As augas, primeira película como directora de Ledicia Sola, que será a encargada de clausurar o festival.
A cita compostelá acollerá tamén a estrea mundial de Hoxe e o resto do mundo, de Cecilia Díaz Betz, un documental sobre as facetas vitais e artísticas de Isaac Díaz Pardo e Mimina Arias de Castro, e de Conversations with the Dead, de Fernando Cortizo, unha investigación sobre o paranormal. Completa esta presenza Die Gäste (Os invitados), de Cristina Diz e Stefan Butzmühlen, unha coprodución galego-alemá ambientada en 1973.
A programación galega inclúe tamén Crías, de Xiana do Teixeiro; El milagro, de David Varela; Alén dos silencios, de Carmen PG Granxeiro; Todo pode esperar, de Borja Casal; Ribadafonte, de Alberto Sacido; Prisciliano e a Gallaecia, de Aser Álvarez; Bar Boo, de José Araujo; Lodeiro. O documental, de Alex Penabade e David Hernández, e O sonho da razom, de Alberte Pagán.
Felipe Lage, Laia Marull, Robert Guédiguian e Moisés González, Premios Cineuropa
A 40ª edición distinguirá co seu máximo galardón o produtor galego Felipe Lage, figura clave no desenvolvemento do Novo Cinema Galego; a actriz catalá Laia Marull, gañadora de tres premios Goya e cunha destacada traxectoria no cinema, o teatro e a televisión; e o cineasta francés Robert Guédiguian, referente do cinema social europeo.
A estes recoñecementos sumarase un Premio Cineuropa para Moisés González, que traballou durante 36 anos como técnico do Teatro Principal e foi un dos proxectistas do certame. O festival quere render así homenaxe ás persoas que, desde detrás da pantalla, contribuíron ao longo destas catro décadas a facer posible Cineuropa. O galardón entregarase na gala inaugural.
Retrospectivas dedicadas á historia do festival e a Hitchcock
Entre as seccións paralelas desta edición especial, Cineuropa 40 anos recuperará grandes títulos que pasaron polo festival ao longo da súa historia, nun percorrido pola memoria cinematográfica destas catro décadas.
A selección inclúe películas como Orlando, de Sally Potter; Amén., de Costa-Gavras; A vida dos outros, de Florian Henckel von Donnersmarck; Withnail and I, Sid & Nancy ou The Reflecting Skin. Tamén haberá obras de cineastas vinculados ao festival, como Ken Loach, Claude Chabrol e François Ozon, e un espazo destacado para Peter Greenaway, con catro películas que evocan a súa influencia nos primeiros anos de Cineuropa.
A outra gran retrospectiva estará dedicada ás películas de Alfred Hitchcock e ás súas actrices. Baixo o título As inmortais de Hitchcock, a sección homenaxeará seis intérpretes vinculadas ao universo do cineasta: Eva Marie Saint, Vera Miles, Tippi Hedren, Kim Novak, Shirley MacLaine e Julie Andrews.
O xurado internacional estará formado por Àngel Quintana, catedrático de Historia e Teoría do Cinema na Universidade de Girona e crítico cinematográfico; Frédéric Maire, cineasta e xornalista e exdirector da Cinemateca Suíza; e Lucía Solla Sobral, escritora galega autora de Comerás flores, recoñecida cos premios Ojo Crítico de Narrativa e Cálamo ao Libro do Ano en 2025.
As proxeccións e actividades desenvolveranse no Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX e a Zona C. As entradas e os bonos estarán á venda a partir do mércores 4 de novembro no despacho de billetes da Zona C e na web compostelacultura.gal.