Cintia Folgueira, recoñecida nos premios L’Oréal-UNESCO ‘For Women in Science’

A científica lucense foi distinguida na 20ª edición dos galardóns en España por un proxecto centrado no metabolismo enerxético e novas terapias para enfermidades asociadas
Cintia-Folgueira-LOréal-UNESCO-For-Women-in-Science_2026
29 Apr 2026

O programa L’Oréal-UNESCO For Women in Science recoñeceu na súa 20ª edición en España o traballo da científica lucense Cintia Folgueira Cobos, xunto con outras catro investigadoras, nun acto celebrado no Teatro Real de Madrid que reuniu a representantes do ámbito científico, académico e institucional co obxectivo de poñer en valor o talento feminino novo no eido da investigación.

Estes premios, dotados con cinco bolsas de 15.000 euros cada unha, teñen como finalidade impulsar a carreira de investigadoras con proxectos innovadores e de alto impacto social, contribuíndo tamén a reducir a fenda de xénero nos ámbitos STEM. Desde a súa creación en España, esta iniciativa global ten destinado máis de 1,4 millóns de euros a 97 científicas.

A investigación de Folgueira, desenvolvida no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), céntrase nos mecanismos celulares que regulan o metabolismo enerxético na obesidade, así como na relación entre obesidade, inflamación e disfunción metabólica. A súa liña de traballo analiza como determinadas células do sistema inmunitario inflúen no funcionamento das mitocondrias, estruturas encargadas de producir enerxía nas células.

O obxectivo do seu proxecto é comprender como estas alteracións poden afectar ao equilibrio enerxético do organismo e favorecer o desenvolvemento de enfermidades metabólicas, como a diabetes ou patoloxías cardiovasculares, co fin de identificar novas dianas terapéuticas e avanzar cara a tratamentos máis eficaces e personalizados.

Os resultados derivados deste traballo poderían ter un impacto relevante na mellora da prevención e tratamento destas enfermidades, ademais de contribuír a un maior coñecemento dos mecanismos celulares implicados no metabolismo enerxético.

“Un dos momentos máis satisfactorios é cando o traballo de moitos anos comeza a dar resultados e podes contribuír, aínda que sexa un pouco, a entender mellor enfermidades que afectan a tantas persoas”, sinalou Folgueira, quen tamén destacou a importancia de compartir avances e ver medrar aos equipos de investigación.

A científica subliñou ademais que “a ciencia necesita ás mulleres porque non podemos permitirnos perder a metade do talento”, defendendo a importancia de iniciativas que dean visibilidade ao traballo das novas investigadoras e á investigación biomédica.

0.34223699569702