COGAMI e Fundación ONCE destinan 540.000 euros a 41 proxectos para as persoas con discapacidade

A iniciativa, financiada a través do Plan de Prioridades xestionado por COCEMFE, permitirá desenvolver 37 programas de autonomía persoal e vida independente e catro para mellorar o transporte adaptado
perosas-con-discapacidade-recurso
6 Sep 2026

A Fundación ONCE concedeu 540.000 euros a COGAMI, a través do Plan de Prioridades xestionado por COCEMFE, para financiar 41 proxectos presentados pola organización e as súas entidades membro co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias.

En total, 31 entidades e centros de COGAMI desenvolverán durante este ano os proxectos, dos que 37 están centrados na promoción da autonomía persoal e a vida independente e catro na mellora do transporte adaptado. As actuacións buscan tamén modernizar instalacións e equipamentos e reforzar a calidade dos servizos que se prestan ás persoas usuarias.

Entre os centros beneficiarios figuran os de atención diúrna de COGAMI en Fingoi (Lugo), Medelo (Silleda) e Mos. Os fondos permitirán actualizar equipamentos informáticos e mobiliario, realizar obras de mellora e incorporar solucións de eficiencia enerxética, como baterías fotovoltaicas ou aerotermia. No caso de Fingoi tamén se reformarán infraestruturas e instalaranse dúas casetas exteriores, mentres que o centro de Mos acometerá obras de conservación e instalará elementos de seguridade, ademais de mellorar o transporte adaptado.

Na provincia da Coruña financiaranse 12 proxectos. Entre eles figuran programas de apoio psicolóxico para persoas con epilepsia, fisioterapia especializada para persoas con enfermidades neurodexenerativas, atención integral ao Parkinson, apoio ás persoas con enfermidade renal crónica e ás súas familias, promoción da autonomía persoal e actividades básicas da vida diaria. Tamén se impulsarán iniciativas de lecer inclusivo no rural, empoderamento de persoas con enfermidades raras e outras actuacións para mellorar o transporte adaptado e o equipamento tecnolóxico.

En Lugo serán catro as entidades beneficiarias. A Mariña-COGAMI desenvolverá un programa de promoción da autonomía persoal para persoas con discapacidade da Mariña Lucense e outro para mellorar a eficiencia enerxética do centro de atención diúrna de Palmeiro, en Xove. Pola súa banda, AGORA acometerá melloras nas instalacións do seu centro, ALCER Lugo desenvolverá un programa de atención social e nutricional na enfermidade renal e ALUCEM impulsará un proxecto de atención psicolóxica e sensibilización sobre a esclerose múltiple.

En Ourense, os fondos permitirán desenvolver catro iniciativas centradas na actividade física adaptada e a fisioterapia neurolóxica, o apoio ás persoas con enfermidade renal crónica, a atención integral e promoción da autonomía das persoas con enfermidade inflamatoria intestinal e a atención psicosocial e rehabilitación para persoas con fibromialxia e fatiga crónica.

Na provincia de Pontevedra tamén se financiarán catro proxectos, relacionados co mantemento de actividades e servizos, a prevención e atención dos trastornos do desenvolvemento infantil, a adquisición dun vehículo adaptado e a atención ás persoas con artrite e enfermidade inflamatoria intestinal.

Finalmente, outras entidades de ámbito autonómico desenvolverán iniciativas como programas de vida autónoma e independente para persoas con enfermidades neuromusculares, atención integral á fibrose quística, fisioterapia especializada para persoas con linfedema e lipedema, atención a persoas con coagulopatías ou unha vivenda de estancia temporal para pacientes oncolóxicos e as súas familias. Entre estas entidades figuran ACADAR, a Asociación Galega de Fibrose Quística, AGL, ASEM Galicia, AGADHEMO e ASOTRAME.

0.32255101203918