COGAMI reclama unha atención sanitaria máis segura, accesible e humana para as persoas con discapacidade

A entidade aproveita o Día Mundial da Seguridade do Paciente para reivindicar maior coordinación sociosanitaria, máis investigación inclusiva e tratamentos adaptados ás súas necesidades específicas
atencion-sanitaria-dia-do-paciente-cogami
17 Sep 2026

Con motivo do Día Mundial da Seguridade do Paciente, que se conmemora hoxe, 17 de setembro, COGAMI e a súa Comisión Sociosanitaria poñen o foco nas necesidades das persoas con discapacidade orgánica e reivindican medidas que garantan unha atención sanitaria máis segura, accesible e centrada nas persoas.

As sesenta asociacións que forman parte do movemento asociativo de COGAMI reclaman unha maior coordinación entre os distintos profesionais e servizos sanitarios, así como un impulso á investigación inclusiva que teña en conta de maneira real a realidade das mulleres. Tamén demandan maior seguridade nos tratamentos destinados ás persoas con discapacidade e unha atención sanitaria máis humana e accesible.

Baixo o lema «Saúde: ciencia e conciencia», COGAMI e a súa Comisión Sociosanitaria puxeron en marcha unha campaña nas redes sociais coa finalidade de visibilizar as necesidades e demandas das persoas con enfermidades crónicas, discapacidade e outras condicións de saúde. A iniciativa tamén traslada diferentes reivindicacións dirixidas ás administracións públicas, á industria farmacéutica e ao ámbito da investigación.

No ámbito da Administración pública, COGAMI reclama unha maior coordinación entre profesionais e especialidades sanitarias, de maneira que sexa a información a que se traslade dun departamento sanitario a outro e non recaia sobre o propio paciente a responsabilidade de levar consigo a súa información. A entidade tamén pide unha atención sanitaria máis humana, accesible e centrada nas persoas.

Outro dos eixes da campaña é a seguridade dos procesos e tratamentos sanitarios para as persoas con discapacidade. Neste sentido, COGAMI considera necesario adaptar protocolos, probas e coidados ás circunstancias específicas de cada persoa co obxectivo de evitar posibles erros e riscos durante a atención sanitaria.

Á industria farmacéutica, a entidade reclama garantir o acceso a tratamentos eficaces para as enfermidades crónicas e un compromiso coa seguridade dos procesos e tratamentos destinados ás persoas con discapacidade. Para COGAMI, é necesario que as súas necesidades específicas sexan tidas en conta desde o deseño e desenvolvemento dos tratamentos.

No ámbito da investigación, a organización considera prioritario incrementar os estudos sobre enfermidades raras e de baixa prevalencia, co obxectivo de ofrecer novas oportunidades e un mellor futuro ás persoas que as padecen. Do mesmo xeito, reclama que as mulleres estean incluídas nos estudos e ensaios clínicos de forma real e representativa, para evitar os nesgos de xénero que historicamente condicionaron o coñecemento científico e o deseño dos tratamentos.

A través desta campaña, COGAMI reivindica que a seguridade do paciente debe ter en conta as circunstancias e necesidades específicas de cada persoa. «A saúde é un dereito, non unha carreira de obstáculos», sinala a entidade, que lembra que cada paciente conta e que cada voz é importante.

0.27880597114563