Colectivos critican a Lei de Educación Dixital por considerar que deixa desprotexida á infancia e á mocidade

Entre as principais críticas figura o papel que a lei outorga ás pantallas e ás tecnoloxías dixitais no ensino
educacion-dixital
23 Jun 2026

As organizacións Adolescencia Libre de Móbiles, o programa Escola Saudable de Ecoloxistas en Acción e a Asociación Educación Activa presentaron un documento con 30 consideracións ao proxecto de Lei de Educación Dixital de Galicia, no que cuestionan os fundamentos da norma e alertan dos seus posibles efectos sobre a aprendizaxe, o desenvolvemento e a saúde da infancia e da adolescencia.

Os colectivos consideran que a proposta impulsada pola Xunta supón unha oportunidade perdida para adaptar o sistema educativo ás recomendacións científicas máis recentes e denuncian que foi elaborada sen atender aos informes de persoas expertas, institucións especializadas e sociedades científicas dos ámbitos da medicina e da psicoloxía.

Entre as principais críticas figura o papel que a lei outorga ás pantallas e ás tecnoloxías dixitais no ensino. As entidades sosteñen que a evidencia científica actual vincula a introdución temperá destes dispositivos con efectos negativos na aprendizaxe, como unha menor capacidade de concentración, dificultades na lectoescritura, peor desenvolvemento da linguaxe e unha aprendizaxe máis superficial e menos crítica.

Tamén advirten dos efectos que o uso precoz e intensivo das pantallas pode ter sobre o neurodesenvolvemento e a saúde física e mental dos menores. Neste sentido, citan problemas relacionados co atraso na linguaxe, dificultades de autorregulación emocional, alteracións da atención, condutas adictivas, ansiedade, depresión, trastornos do sono, obesidade, fatiga visual ou aumento da miopía.

As organizacións reclaman que Galicia adopte as recomendacións da Asociación Española de Pediatría, respaldadas por numerosas sociedades científicas, que propoñen evitar o uso de pantallas ata os seis anos, limitar o seu emprego a unha hora diaria entre os 7 e os 12 anos e a dúas horas a partir dos 13 anos, incluíndo o tempo de exposición durante a xornada escolar. Tamén defenden atrasar o acceso ao primeiro teléfono intelixente e ás redes sociais ata os 16 anos.

Os colectivos apostan por un cambio de modelo educativo baseado nunha “desescalada dixital”, con maior presenza da lectura e da escritura en papel, a redución do uso de dispositivos electrónicos nas aulas e o impulso de metodoloxías activas e participativas sen dependencia das pantallas. Como exemplo, citan experiencias internacionais e iniciativas xa implantadas en países como Suecia, Finlandia ou Dinamarca, así como medidas adoptadas en distintas comunidades autónomas españolas para limitar o uso de dispositivos dixitais no ensino.

Outro dos aspectos cuestionados é a protección da privacidade do alumnado. As entidades consideran insuficientes as medidas previstas na lei e propoñen avanzar cara ao uso de software libre e reforzar os mecanismos de control sobre as plataformas dixitais empregadas nos centros educativos.

Finalmente, os colectivos fan un chamamento á Xunta para que reformule o proxecto lexislativo e adapte a normativa ás recomendacións científicas actuais, co obxectivo de garantir unha maior protección da infancia e da adolescencia fronte aos riscos asociados ao uso prematuro e intensivo das tecnoloxías dixitais.

0.30570816993713