Comezan dúas semanas de festa en Vilalba cun programa para todas as idades

Vilalba quenta motores para as festas patronais na honra a San Ramón e Santa María, para a que ten preparada unha ampla programación que se desenvolverá entre o 21 de agosto e o 6 de setembro e que combinará concertos, verbenas, actividades infantís, propostas deportivas, actos relixiosos, encontros tradicionais e diversas citas culturais. A música terá un papel protagonista durante estas semanas, pero o calendario tamén reserva espazo para a cultura e o patrimonio local, coa celebración de novas edicións de actividades xa consolidadas no calendario festivo.
As celebracións arrancaron o venres, 21 de agosto, cun dos primeiros grandes atractivos musicais do programa. Ás 22.00 horas, a praza da Igrexa acolleu o concerto de Dakidarría, organizado polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) coa colaboración da Deputación de Lugo. A actuación da banda do Val Miñor abriu oficialmente a programación festiva.

A actividade continuará o mércores 26 de agosto coa Xira dos Nosos Maiores. A partir das 12.30 horas, na área recreativa da Madalena, terá lugar unha misa cantada pola Coral Luar e a sesión vermú, seguidos ás 14.30 horas dun xantar popular e dun baile amenizado polo Dúo Venus. Ao día seguinte, o xoves 27, celebrarase a XXXI Festa da Bicicleta, cunha saída prevista para as 19.30 horas desde a praza da Constitución. O percorrido dirixirase pola praza Suso Gayoso cara á rúa da Pravia e continuará ata o Megagadis.
O venres 28 de agosto chegará a Xira Campestre, que se desenvolverá desde as 21.30 horas na explanada da Madalena, con sesión de DJs locais a cargo de David García, Cris Vázquez, Bris Trad, Decrux e Shera & Sile. A xornada contará tamén cunha proposta cultural do Iescha: na sala do Auditorio Municipal poderá visitarse, desde as 20.00 horas e ata o 20 de outubro, a XIII Exposición Tal como eramos. Fotos para o recordo.
O sábado 29 estará marcado pola actividade deportiva e pola música. Ás 12.00 horas, o estadio da Madalena acollerá o Trofeo President Rácing Vilalbés-Bergantiños. Xa pola tarde, ás 13.30 horas, a explanada da Madalena será escenario dunha sesión vermú co Grupo La Bamba e a Orquestra Galaxia. A partir das 22.30 horas, ambos os grupos serán os encargados da verbena.
O domingo 30 de agosto será unha das xornadas centrais das festas. A partir das 13.30 horas, a área recreativa da Madalena acollerá unha sesión vermú longa co Grupo La Tremenda. Ás 19.00 horas, o Auditorio Municipal será escenario do pregón e da gala do LII Certame Literario de Vilalba, coa lectura do pregón a cargo de Daniel Veiga Roca, director da Banda de Música de Vilalba. Pola noite, desde as 22.30 horas, a verbena no Campo da Feira contará coa Orquestra Los Satélites e o Grupo Origen.
O luns 31 de agosto estará dedicado a San Ramón e terá como fío condutor o traxe galego. A partir das 11.00 horas desenvolveranse os pasarrúas da Asociación Cultural Mato Vizoso e da Asociación Cultural Entre Lusco e Fusco. Ás 12.00 horas celebrarase na igrexa de Santa María a misa solemne na honra de San Ramón, cantada pola Coral Luar, seguida da tradicional procesión. Xa pola tarde, ás 14.00 horas, a praza da Constitución acollerá unha sesión vermú longa coa Orquestra Escaparate.
A programación da xornada continuará ás 18.00 horas no estadio Roca, co Trofeo Memorial Jorge Tato, e ás 20.00 horas a praza da Rúa da Pravia acollerá un concerto da Banda de Música de Vilalba. A partir das 22.30 horas, a praza da Constitución será escenario dunha nova verbena, nesta ocasión coas orquestras Panorama City e Costa Dorada.

SETEMBRO
Co cambio de mes chegará o Día de Santa María, o martes 1 de setembro. A xornada comezará a partir das 11.00 horas cos pasarrúas da Asociación Cultural de Andrade e da Asociación de Fillos e Descendentes da Chaira. Ao mediodía, a igrexa de Santa María acollerá a misa solemne na honra da patroa, cantada pola Coral Polifónica Vilalbesa, e posteriormente terá lugar a procesión.
Ás 14.00 horas, a praza da Constitución acollerá unha sesión vermú longa coa Orquestra Fuego. A noite, desde as 22.30 horas, o Campo da Feira será escenario da verbena, con actuacións das orquestras París de Noia e Trébol.
O mércores 2 de setembro estará especialmente dedicado á infancia. A praza da Constitución contará con actividades para as nenas e nenos entre as 12.00 e as 14.00 horas e entre as 16.00 e as 20.00 horas. O programa inclúe atraccións inchables, Garfio, Candy, barco pirata, bolas Wipeout, un paintball xigante, Pirata Dragón, Rokamonte, shotter gallery e outras propostas. Tamén haberá actuacións de O Mago Antón: 50 anos de Maxia (1975-2025) ás 13.00, 17.00, 18.30 e 20.00 horas.
O xoves 3 de setembro continuará a programación infantil, de novo na praza da Constitución e cos mesmos horarios de mañá e tarde. Nesta ocasión haberá parque de auga para todas as idades e Festa da Escuma, sempre que as condicións meteorolóxicas permitan a súa celebración. Ás 18.00 horas, e se o tempo non o permite no Espazo Xove, celebrarase a XXXII edición das Simultáneas de Xadrez, co mestre Antonio Nieto Velado.
A actividade cultural terá tamén protagonismo ese día. Ás 20.00 horas, no Auditorio Municipal, o ciclo Premios Mestre Mateo incluirá a proxección da película Antes de nós, nunha nova actividade organizada polo Iescha.
O venres 4 de setembro, a partir das 22.30 horas, o Campo da Feira acollerá unha nova verbena coa Orquestra Marbella e Cosme DJ.
O sábado 5 chegará outra xornada cargada de actividades. Desde as 11.00 horas haberá pasarrúas da Asociación Cultural Ardelle o Eixo. Ás 14.00 horas, a praza da Constitución acollerá unha sesión vermú longa co Dúo Estrella. Pola tarde, ás 20.00 horas, o Auditorio Municipal será escenario do XX Festival de Bandas Pepe Guntín, cun pasarrúas previo desde a praza da Constitución no que participarán a Banda de Música da Comarca de Sarria, a Banda de Música de Siero e a Banda de Música de Vilalba.
Xa ás 22.30 horas, a praza da Constitución acollerá o concerto de Marcos Peón e DJ Frisco, baixo o título Tributo a Estopa: A toda pastilla e Yo lataba en EGB.
O domingo 6 de setembro pechará a programación festiva cunha xornada centrada na feira e na homenaxe á parroquia de Santa Eulalia de Román. Ás 11.45 horas está prevista a recepción aos veciños por parte das autoridades e o acompañamento ata a igrexa de Santa María, xunto co grupo tradicional Cerna de Árbol.
Ás 12.00 horas celebrarase a misa solemne na igrexa de Santa María, cantada pola Coral Polifónica Vilalbesa. A continuación, ás 12.30 horas, o Espazo Manuel María acollerá a homenaxe e ofrenda polo XXII cabodano de Manuel María, organizada polo Iescha. A xornada festiva rematará pola tarde, ás 14.00 horas, cunha sesión vermú longa na praza da Constitución amenizada pola Orquestra Acordes, poñendo punto e final ás celebracións de 2026.