Comeza a programación de Entroido nos Centros Socioculturais en Santiago

A rede de Centros Socioculturais pon en marcha unha ampla programación especial de Entroido con obradoiros gratuítos para dinamizar a festa nos barrios e apoiar as comparsas do desfile do martes de Entroido
ENTROIDO
5 Feb 2026

A rede de Centros Socioculturais de Santiago pon en marcha unha ampla programación especial de Entroido, con ducias de obradoiros de balde para todos os públicos. O obxectivo destas actividades é dinamizar a celebración do Carnaval desde os barrios, tecer comunidade arredor da festa e contribuír á preparación das comparsas que participarán no tradicional desfile do martes de Entroido.

Na programación haberá obradoiros de decoración de Carnaval, máscaras venecianas, sombreiros dos xenerais, pintacaras ou confección de tocados para o enterro da sardiña. Estas actividades serán gratuítas e non precisan inscrición previa. Tamén serán de balde, pero con inscrición previa no centro sociocultural de referencia, os obradoiros de petiscos de Entroido, dos que se celebrarán unha ducia de sesións noutros tantos centros, tanto para público infantil como adulto.

Ademais, os Centros Socioculturais prestarán apoio ás comparsas de barrio que se preparan para o desfile do martes de Entroido. Farano a través de obradoiros de elaboración de complementos ou de maquillaxe, que se desenvolverán nos CSC de Fontiñas, Ensanche, Pontepedriña, Vite e Maruxa e Coralia, na cidade histórica.

Festa e seráns

Unha das citas centrais da programación será a festa familiar de Entroido que se celebrará na Casa das Máquinas o día 16, en horario de 16.00 a 22.00 horas. Será un encontro con actividades para distintos públicos, con espectáculos de maxia e monicreques, obradoiros para nenos e nenas a partir de 6 anos, xogos tradicionais, degustación de produtos típicos da época e un baile de Entroido con música tradicional e DJ.

Ademais, os Centros Socioculturais colaborarán con catro seráns de Entroido que se celebrarán o 7 de febreiro en Figueiras, o día 14 en Vidán, o 21 de febreiro na Gracia e o día 28 na Grixoa.

Información e inscrición

Todos os obradoiros incluídos na programación de Entroido dos Centros Socioculturais son gratuítos. No caso dos obradoiros de elaboración de petiscos é preciso inscribirse previamente no centro sociocultural de referencia, mentres que para o resto non será necesaria inscrición e as prazas cubriranse por orde de chegada. Nos CSC de Nemenzo, Eixo-Bornais, Santa Cristina de Fecha, Cardenal Quiroga, César e San Xulián de Carballal será preciso reservar praza.

⚙ Configurar cookies
0.36336207389832