Comeza o proceso de selección de persoal para ampliar os seis parques de bombeiros da provincia de Lugo

Un total de 233 persoas competirán polas 37 prazas que se ofrecen, das que 11 son vacantes e 26 son de nova creación
proceso-selectivo-bombeiros-provincia
8 Sep 2026

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acolleu este martes o inicio do proceso selectivo para cubrir 37 prazas de bombeiro-condutor do Consorcio Provincial de Bombeiros, co obxectivo de reforzar os servizos nos seis parques comarcais: Viveiro, Barreiros, Vilalba, Sarria, Monforte, Chantada.

Trátase dun dos compromisos adquiridos no marco do novo convenio e a nova relación de postos de traballo do Consorcio aprobados durante o ano 2025. Actualmente, o a cadro de persoal do Consorcio conta con 120 prazas.

Das 37 prazas que saen a concurso-oposición, 26 son de nova creación e 11 son postos que están vacantes neste momento. Un total de 233 persoas competirán por elas. O proceso arrancou este martes coa proba de coñecementos teóricos, que consistiu nun exame test de 100 preguntas (25 do temario xeral e 75 do específico).

A selección continuará con probas físicas (resistencia orgánica, forza, axilidade, natación…) e probas físico-profesionais (aptitude en espazos confinados, en altura, despregamento de mangueiras…). Por último, o proceso completarase coa fase de concurso, no que se valorará o tempo traballado en servizos de emerxencias. A previsión é que o proceso estea finalizado este ano.

O aumento do persoal dos parques comarcais de Bombeiros súmase a outras melloras levadas a cabo para mellorar a estabilidade e seguridade laboral dun servizo esencial na protección das persoas e dos bens fronte aos incendios e outras emerxencias.

Algunhas desas melloras consistiron nun aumento salarial anual de 6.000 euros na categoría de bombeiro, na redución de 158 horas anuais (de 1.800 a 1.642), o recoñecemento como persoal laboral fixo de traballadores con contrato indefinido no momento da subrogación que se produzo o 1 de maio de 2019, permisos e licenzas, melloras no equipamento e na roupa de traballo, redución da mobilidade entre parques comarcais, axudas sociais e disposición de asuntos propios.
O orzamento destinado ao Consorcio para este ano 2026 permitirá tamén afrontar melloras nas instalacións dos parques. As obras comezarán proximamente e está previsto que os traballos se prolonguen durante aproximadamente dous ou tres meses.

0.39073586463928