Compostela Aberta apoia a folga xeral do 11 de novembro "en defensa dunha vida digna"

Defenden que as clases privilexiadas deben asumir unha maior contribución ao financiamento das solucións ás distintas crises, mediante unha reforma fiscal
folga-xeral-compostela-aberta
6 Nov 2026

Compostela Aberta anunciou o seu apoio á folga xeral convocada para o vindeiro 11 de novembro, unha mobilización coa que se pretende reclamar condicións de vida dignas, frear a perda de poder adquisitivo dos salarios e denunciar a suba dos prezos da enerxía e dos produtos básicos, así como a situación do mercado inmobiliario.

A formación considera que esta problemática afecta especialmente á cidade de Santiago e ao conxunto de Galicia, onde, segundo sinala, a mocidade ten dificultades para emanciparse e numerosas familias traballadoras están asfixiadas polo custo dos alugueiros. Ademais, advirte de que a especulación inmobiliaria e a presión turística están a provocar o desprazamento da veciñanza dos barrios.

Desde Compostela Aberta defenden que as clases privilexiadas deben asumir unha maior contribución ao financiamento das solucións ás distintas crises, mediante unha reforma fiscal que incremente a achega das persoas con maiores recursos e permita garantir uns servizos públicos universais e de calidade.

En materia de vivenda, a organización reclama establecer límites aos prezos dos alugueiros, protexer as familias vulnerables fronte aos desafiuzamentos e ampliar o parque público e social. Tamén considera necesario adoptar medidas para controlar o custo dos produtos básicos e da enerxía, garantir salarios dignos e reforzar servizos fundamentais como a sanidade, a educación, os coidados e o transporte público.

A formación municipalista sostén que, fronte ás distintas crises que afectan á sociedade, son necesarias políticas públicas transformadoras e inmediatas que melloren as condicións materiais da cidadanía e garantan os dereitos de todas as persoas.

Por estes motivos, Compostela Aberta chama a secundar a folga xeral do 11 de novembro e a participar nas mobilizacións convocadas polos sindicatos para reclamar nas rúas unha vida digna. A organización trasladou tamén o seu apoio ás persoas traballadoras que participen no paro e nas mobilizacións en defensa dos seus dereitos.

0.36765503883362