Conclúe a declaración como Ben de Interese Cultural do Convento do Bon Xesús da Limia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o recoñecemento ao monumento tras o visto e prace do Consello, polo seu valor arquitectónico, artístico e histórico
convento-bo-xesus-da-limia
4 Nov 2026

A Xunta de Galicia conclúe a declaración como Ben de Interese Cultural na categoría de monumento do convento do Bon Xesús da Limia, tras o visto e prace do Consello e a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia, acadando deste xeito os 805 BIC na Comunidade.

Recoñécese así a máxima protección para unha edificación singular e senlleira localizada no lugar de Trandeiras, no municipio ourensán de Xinzo de Limia, polo seu valor arquitectónico, artístico e histórico. Neste senso, o expediente elaborado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude,  recolle o valor cultural sobranceiro dun mosteiro construído a principios do S. XVI, rexido no seu momento pola orde franciscana e cuxos restos son actualmente propiedade do Concello.

Trátase dun conxunto que inclúe o claustro, as dependencias conventuais, os muros perimetrais, diversas construcións auxiliares como son un forno, unha alvariza e varias infraestruturas hidráulicas, o bosque da contorna e a igrexa, en funcionamento para o culto relixioso e titularidade da Diocese de Ourense. Ademais, a protección como Ben de Interese Cultural abrangue varias pezas artísticas vencelladas ao templo. Trátase de cinco retablos de madeira de notable calidade artística: o retablo maior, o retablo da Asunción, o do Cristo dobre a pedra fría e o da Durmición de María.

Cómpre resaltar, ademais, que o convento do Bon Xesús da Limia constitúe todo un emblema histórico, sendo un dos lugares máis significativos da comarca e símbolo da transición entre o gótico tardío e un incipiente estilo renacentista, do que en Galicia non hai unha gran representación. Nesta liña, o valor arquitectónico do convento ponse de manifesto na súa monumentalidade, cun claustro no que se conservan parte das lousas do piso e os elementos pétreos do pórtico da galería da planta baixa, que constitúe tamén o seu elemento de maior valor artístico xunto coa portada da entrada e o arco triunfal do prebisterio da igrexa.

0.3299720287323