Confirman a ocupación do castro de Hortas das illas Cíes dende época castrexa ata a Idade Media

A investigación foi realizada polo Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo, que levou a cabo dúas sondaxes na zona
sondaxe-arqueoloxica-illas-cies
11 May 2026

Entre finais de abril e comezos de maio, o Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo levou a cabo a segunda campaña de sondaxes no castro de Hortas, nas illas Cíes. O proxecto foi levado a cabo en colaboración co Parque Nacional Marítimo-Terrestre Illas Atlánticas de Galicia. “Esta campaña de 2026 permite afirmar que a ladeira do castro está ocupada dende época castrexa á Idade Media, así como a súa potencialidade como elemento patrimonial para profundar no coñecemento dos modos de vida nas illas durante a antigüidade e ata os nosos días”, destaca o equipo da UVigo.

O castro de Hortas, explican desde a Sección de Arqueoloxía do GEAAT, é un dos xacementos da Idade do Ferro máis coñecidos, pola súa situación nunha illa, e pola súa impresionante localización, xa que está no extremo sur da illa do Medio ou illa do Faro, nun lugar moi escarpado, pero que permitiría un control total das rutas marítimas. Segundo indican desde o grupo, os bos resultados obtidos na campaña realizada nel o pasado ano, levaron a propoñer esta segunda intervención en 2026 que buscaba “recuperar máis información dos posibles restos arqueolóxicos situados na ladeira leste, así como clarificar os distintos momentos de ocupación dun xacemento emblemático na arqueoloxía galega”.

A campaña arrancou coa roza da vexetación superficial das zonas a intervir, da que se encargou o Parque Nacional Marítimo-Terrestre Illas Atlánticas de Galicia. Unha vez levada a cabo esta primeira tarefa, traballouse en dúas sondaxes. Na primeira delas ampliouse unha anteriormente feita en 2025, na que se documentaran unha serie de muros e un solo. Nesta sondaxe “apareceron máis estruturas e púidose observar a presenza de dous niveis de ocupación, datados en época tardoantiga (séculos V e VI d.C.) e outro altomedieval (séculos IX e X d.C.).

A segunda sondaxe situouse nunha zona na que un cambio de cota suxería a presenza dun posible pano de muralla. “Dende o inicio, quedou claro que se trataba dunha zona de lixeira dos restos de alimentación dos habitantes castrexos desa zona da illa, coa aparición dun cuncheiro que case alcanzaba os tres metros de profundidade”, sinala o equipo da UVigo. Na sondaxe recuperáronse varias mostras de fauna que serán estudadas polos especialistas da Universidad de León para determinar os patróns alimenticios dos habitantes do castro de Hortas durante a Idade do Ferro. “Sorprende igualmente a cantidade de cerámicas recollidas, que serán tamén analizadas no laboratorio do GEAAT no campus de Ourense. Toda esta lixeira aparece fóra dunha gran casa de época castrexa, a primeira que se constata nas illas Cíes e que, por fin, é a proba segura da presenza alí dun importante asentamento humano previo á chegada dos romanos”, subliñan.

Esta campaña 2026 no castro de Hortas do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio foi realizada no marco do proxecto Sentinela: Patrimonio Cultural Ameazado, financiado pola convocatoria de Proxectos de Investigación en Parques Naturais de 2022, do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico e apoiado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. O seu obxectivo é catalogar os bens culturais das illas do Parque Nacional Marítimo-Terrestre Illas Atlánticas de Galicia e monitorear aqueles afectados por fenómenos naturais ou antrópicos. Está previsto que o proxecto remate en xullo de 2026.

0.32201504707336