Consumidores de Galicia reúnese en Santiago o xoves nun foro de análise

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) organiza o vindeiro 4 de xuño a xornada “Moverse en Galicia. Dereito ou privilexio?”, un foro de análise e debate que reunirá representantes institucionais, expertos, organizacións profesionais, usuarios e actores do sector turístico para abordar os principais desafíos da mobilidade en Galicia.
Nun contexto marcado pola proximidade do Xacobeo 2027, o encontro analizará cuestións como a convivencia entre taxi e VTC, o déficit ferroviario, a perda de conectividade aérea, os dereitos das persoas usuarias do transporte e o impacto económico e social das peaxes da AP-9.
A xornada contará coa participación de representantes da Xunta de Galicia, Cabify, Fegataxi, Unauto, Foro Cidadán polo Ferrocarril, Clúster do Turismo de Galicia, Fegamp, CETUR, COGAMI, Renfe, Unión Hoteleira, asociacións de viaxe e expertos universitarios, entre outros.
Desde UCGAL sinalan que o encontro nace coa vontade de “situar a mobilidade como unha cuestión de país e de dereitos cidadáns”, abrindo un espazo de diálogo entre sectores que habitualmente abordan estes debates de maneira separada.
A asistencia á xornada é gratuíta, previa inscrición ata completar capacidade.
UCGAL ponse á disposición dos medios de comunicación interesados en elaborar pezas informativas, reportaxes ou entrevistas arredor desta xornada e das cuestións abordadas nela.