Convenio entre a Deputación de Pontevedra e as confrarías para previsas as enfermidades do sector

O presidente provincial asina un acordo co presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores, Jose Manuel Rosas, para estudar e divulgar as doenzas dos traballadores do mar
convenio-confrarias-traballadores-do-mar
4 Sep 2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de abrir este venres unha nova vía de colaboración entre a institución provincial e as confrarías de pescadores da provincia. Na sede que a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores ten en Arcade, en Soutomaior, os dirixentes destas dúas institucións asinaron un convenio a través do cal o ente provincial achega 15.000 euros para financiar tanto a elaboración como a divulgación dun estudo para coñecer cales son as enfermidades que afectan aos traballadores, como previlas, como tratalas e como afrontalas tanto desde o punto de vista da saúde como o laboral e administrativo. “Do mesmo xeito que nos preocupamos pola saúde do ecosistema e do sector, tamén nos importa a saúde dos profesionais”, afirmou López despois de firmar o acordo.

O obxectivo desta investigación pasar por promover unha cultura preventiva no sector da pesca artesanal e o marisqueo tradicionais, instruír e por en coñecemento das persoas traballadoras do mar as enfermidades profesionais e as patoloxías máis comúns e recoñecidas nos seus oficios e actividades, así como difundir dita información entre os diferentes axentes; ensinar como tramitar unha enfermidade profesional, explicar e precisar como xorden os trastornos e as causas que os orixinan; difundir as boas prácticas posturais e os exercicios físicos axeitados para tratar de evitar e de previr as doenzas; sensibilizar e difundir a necesidade de identificar novas enfermidades profesionais e poñer o foco nos riscos laborais que as producen, como os movementos repetitivos, as posturas forzadas, a manipulación de cargas, a aplicación de forzas ou a humidade.

O traballo a realizar consistirá na recompilación das enfermidades consideradas como profesionais e das súas causas, establecer correlacións entre as causas e os factores de risco para determinar cales poderían estar xeradas polo traballo dos profesionais da pesca artesanal e o marisqueo. A continuación, crearase unha listaxe de enfermidades profesionais asociada a cada un dos diferentes subsectores da pesca tradicional nas Rías Baixas. Despois será o momento de manter entrevistas presenciais e realizar cuestionarios a profesionais do sector co obxecto de avaliar a súa forma de traballo e finalmente, crear un protocolo sinxelo de actuación ante a sospeita de sufrir unha enfermidade causada polo seu traballo. Algunhas destas enfermidades poderían ser túnel carpiano, epicondilitis, epitrocleitis ou lumbalxia entre outras.

“Na Deputación entendemos o marisqueo e a pesca Artesanal como un sector vital para a nosa economía, emprego, saúde, medio ambiente e tamén turismo sustentable”, sostén o presidente Luis López, quen lembrou que a cooperación coas confrarías non se limita unicamente a este estudo. O goberno provincial colabora cada ano con estes colectivos a través dun plan de axudas que medrou neste mandato en máis de 100.000€, poñendo á disposición dos profesionais un total de 350.000€ para axudar a facer fronte aos gastos de actividade e realizar investimentos. Ademais, a relación entre a Deputación e as confrarías promove a sustentabilidade en eidos como a pesca ou o turismo a través do programa Awaves, para dar a coñecer a través de visitas guiadas ás praias a riqueza natural dos bancos marisqueiros da provincia.

0.35571789741516