Convocada unha nova edición dos Premios Artesanía de Galicia 2026

O DOG publica hoxe as bases da convocatoria das tres categorías que conforman estes galardóns
AGOLADA artesanía
22 Jul 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria dos Premios Artesanía de Galicia 2026, nos que destaca a aposta pola profesionalización do sector e a formación continua de artesáns que teñan ata 45 anos de idade —con tres premios na categoría Bolsa Eloy Gesto— e o recoñecemento da creatividade e da mestría do sector artesán galego, a través das categorías Premio Artesanía de Galicia e Premio Traxectoria, respectivamente. En total destinaranse un total de 21.000 euros, 9.000 euros para o Premio Artesanía de Galicia e 4.000 euros para investir en formación en cada unha das Bolsas Eloy Gesto.

O prazo de presentación de candidaturas comeza o 21 de setembro e remata o 1 de outubro ás 14,30 h. Como en anos anteriores, as candidaturas presentaranse de xeito exclusivamente telemático no caso das categorías Traxectoria e Bolsa Eloy Gesto, e de maneira presencial —na sede da Fundación Artesanía de Galicia, en Santiago de Compostela— no caso do Premio Artesanía de Galicia.

Os Premios Artesanía de Galicia teñen como obxectivo principal recoñecer e visibilizar o traballo do sector artesán galego. Estes galardóns contribúen a divulgar os oficios artesanais, potenciar a creatividade dos profesionais, incentivar os novos talentos en Artesanía de Galicia, promover a remuda xeracional e mais apostar pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción.
Categorías

O Premio Artesanía de Galicia 2026, dotado con 9.000 euros, está dirixido a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación e a boa calidade da obra. Poderanse presentar a esta categoría todos os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

O Premio Traxectoria 2026, de carácter honorífico, será outorgado a proposta do propio sector para recoñecer a traxectoria profesional dun artesán ou artesá galega, a súa contribución á promoción da artesanía, a calidade do seu traballo e o seu compromiso coa divulgación e transmisión dos seus valores. Está dirixido a profesionais en activo ou retirados inscritos ou que estiveran inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, cun mínimo de 20 anos de actividade acreditada. As candidaturas poderán ser presentadas por obradoiros rexistrados, asociacións profesionais, entidades locais e outras entidades públicas ou privadas.

As Bolsas Eloy Gesto, integradas nos Premios Artesanía de Galicia, poderán premiar ata tres candidaturas con 4.000 euros cada unha para realizar formación especializada nun centro de prestixio. Esta categoría pretende impulsar a remuda xeracional, a incorporación de novos talentos e a profesionalización do sector. Valorarase a calidade e innovación da proposta formativa, a transferencia de coñecemento, o uso de novas tecnoloxías, o currículo das persoas candidatas, o potencial para desenvolver produtos artesanais innovadores, o grao de madurez do proxecto e a colaboración entre distintas actividades artesanais. Poderán participar persoas artesás de ata 45 anos en 2026.

0.3192138671875