Convocadas as probas para exercer como condutor de transporte de mercadorías ou viaxeiros por estrada

Ao longo de 2027 haberá nove convocatorias dirixidas a acadar os certificados profesionais para a condución de distintas categorías de vehículos: camión (C), autobús (D) e remolque (E)
chofer-condutor-autobus
16 Nov 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria das probas para obter o certificado de aptitude profesional (CAP) para o exercicio de condutor de transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada. Segundo se recolle na resolución, a Xunta realizará ao longo de 2027 nove convocatorias para a obtención do CAP. O prazo de inscrición para a primeira delas esténdese desde mañá ata o 24 de decembro deste ano.

Os exames teñen como obxectivo acadar os certificados profesionais para a condución de distintas categorías de vehículos: camión (C), autobús (D) e remolque (E). De modo máis concreto, convócanse probas para as categorías D1, que inclúe vehículos de non máis de 16 pasaxeiros, ademais do condutor e remolque de ata 750 quilos; e D1 + E, que lle engade á anterior descrición o remolque de máis de 750 quilos. Tamén se desenvolverán probas para as categorías D, é dicir, vehículos de máis de oito pasaxeiros e sen límite superior, ademais do condutor e remolque ata 750 quilos; ou D + E, que engade á anterior descrición a posibilidade de remolque de máis de 750 quilos.

No caso dos camións, haberá exames para o certificado C1, para vehículos de 3.500-7.500 MMA e ata oito pasaxeiros; C1 + E, con remolque de máis de 750 quilos; C, para camións de máis de 3.500 MMA (masa máxima autorizada) e remolque de ata 750 quilos; ou C + E, vehículos de máis de 3.500 MMA e sen límite e remolque de máis de 750 quilos.

Estas convocatorias correspóndenlle á Xunta. As persoas aspirantes deben superar os cursos de formación e cumprir os requisitos esixidos no Real Decreto 284/2021, de 20 de abril, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada, para poder participar nas probas de constatación da cualificación inicial.

As solicitudes deben presentarse de forma obrigatoria a través da sede electrónica do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible á que se pode acceder desde a sede electrónica da Xunta (http://sede.xunta.gal).

O certificado de aptitude profesional acredita que o condutor superou os cursos e os exames esixidos. É expedido polos órganos autonómicos competentes para o outorgamento de autorizacións habilitantes para a realización do transporte público discrecional de viaxeiros e mercadorías por estrada. Estes dispositivos reforzan as garantías de seguridade e transparencia e incrementan a profesionalización e a competitividade no sector do transporte.

1.4358808994293